O Circo Lírico do País dos Ananos xorde da fusión dun recital poético cun espectáculo circense. Unha pista na que a poesía xera números musicais, monicreques, visións extraordinarias e moito humor, na presenza dun público moi participativo. Dirixido por María Lado abre xa o periódo de contratación.

A velada do Circo Lírico do País dos Ananos presenta música en directo da man do grupo Labregos do tempo dos Sputniks -formado por García de Dios Ke Te Crew, o Leo i Arremecághona, mais Silverio Outeiro ex Xenreira- números de marionetas de fío e sombras chinesas con Borxa Ínsua xunto á voz das poetisas María Lado e Lucía Aldao. Complétase o elenco coa participación dun reducido número de poetas locais, convidados a participar na pista, con textos propios ou alleos, nun arriscado número con feras devoradoras de vates. O público tamén ten moito que dicir, pois, cal circo romano, eles poderán salvar ou pedir a cabeza dos artistas presentes.

O ano de 2012 vén marcado, no noso mundo cultural, por dous aniversarios intimamente relacionados: por unha banda, o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro (1912); pola outra, cúmprense 50 anos da publicación da que sería a súa obra máis emblemática, Longa noite de pedra. Estas dúas efemérides permítennos afonda tanto na figura do escritor celanovés como nas páxinas do seu poemario; é por isto que, dentro das nosas accións, se atopa a celebración das Xornadas de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro.

Estas xornadas terán lugar, como as do ano pasado, na Facultade de Filoloxía da USC, os vindeiros 11 e 12 de abril. Podedes atopar toda a información sobre o programa e como matricularse -están recoñecidas cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da Universidade de Santiago de Compostela- no blogue que vimos de habilitar para o acto: http://homenaxecef.blogaliza.org. (vía http://ligaestudantilgalega.info/xornadas-de-homenaxe-a-celso-emilio-ferreiro/)

O venres 13 de abril de 2012, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova terá lugar un Concerto-Homenaxe a Celso Emilio.

O próximo 14 de Abril, na Cidade da Cultura, dentro da programación "O Ceo das Letras",
 o profesor Ramón Nicolás falará sobre Celso Emilio (Vida e Obra),
e pecharán o Acto os Labregos do Tempo dos Sputniks.
12:00 | Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario.
13:00 | Labregos do Tempo dos Sputniks (35’). Tres colosos do punk (O Leo),
do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das
 bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos
de Celso Emilio.
Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e Director da Fundación Celso Emilio Ferreiro.

 

O blogue Caderno da crítica reproduce un fragmento do poema “Cara a papá do ceo”: versos ben acaídos para reflexionar sobre a devastación que sufriron as Fragas do Eume: un dos nosos pulmóns naturais e patrimonio natural xa non ameazado senón destruído. Deixámolo aquí:

Ergo a miña protesta contra o lume,

dimito a miña voz na madrugada,

desterro o meu cantar, doume aos camiños.

Un arbre son, nacido diante un río

que pasa sin lecer e nunca é o mesmo.

Nacín cos brazos ceibes. Hoxe levo

o corazón atado a negras cordas

de tebras e xenreiras.

O Director do Departamento di Studi Linguistici e Letterari, profesor Giovanni Borriero,presentará no Congreso Internacional “Tristia. Scriture dall´esilio”  unha ponencia sobre Celso Emilio Ferreiro co título “Longa noite de pedra: Il galego ai tempi di Franco”.

O Congreso terá lugar en Verona (Italia) os días 24,25 e 26 de Maio do 2012. Con este motivo se traducirán os poemas de Longa Noite de Pedra, tanto para o ámbito acádemico coma para a publicación.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha unha nova iniciativa para contribuír á difusión da vida e da obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, do que se celebra en 2012 o centenario do seu nacemento. Trátase dunha mostra interactiva que percorrerá Galicia ao longo dos vindeiros meses, primeiro nas bibliotecas nodais, ata o verán, e, a partir de outubro, nos centros de educación secundaria de diferentes localidades.

A instalación multimedia inicia hoxe a súa itinerancia na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi inaugurada esta mañá polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad; polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor, Luís Ferreiro, que estiveron acompañados pola directora do centro bibliotecario, Carina Fernández.

Durante a presentación, o conselleiro de Cultura e Educación explicou que a mostra expositiva forma parte dun programa amplo que a Xunta de Galicia promove coa implicación de diversas institucións, no marco do acordo parlamentario polo que se declarou o 2012 o Ano Celso Emilio Ferreiro. Tamén incidiu no “fondo sentido da mostra, que xorde itinerante co obxectivo de  difundir a obra do poeta e achegala á cidadanía, no mesmo camiño no que el traballou a prol da difusión da nosa cultura”.

Descubrir o escritor a través dos novos soportes

Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación.

“Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados”, explicou Anxo Lorenzo, “como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio”. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político. Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor,  https://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Un percorrido por bibliotecas e centros de ensino

A mostra estará na biblioteca Ánxel Casal ata o 13 de abril e continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais, pasando polas de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).

Respecto do seu paso polos centros de ensino, Valentín García destacou que “a exposición non só aborda a figura dun destacado escritor en lingua galega cuxa obra se estuda en secundaria, senón que o fai empregando medios orais e escritos que facilitan o traballo de diferentes destrezas lingüísticas”. Neste sentido, incidiu na “utilidade da mostra, concibida a partir de materiais interactivos e as tecnoloxías actuais, como apoio ao labor que desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega”.   (vía https://www.edu.xunta.es/web/node/4399 )

Letra en obras incorpora este artigo de Iria Ameixeiras arredor da pintada publicitaria do Adiante en Celanova. Reprodúcese a continuación:

 

Recomendo para ler este artigo escoitar L’Avvelenata, de Francesco Guccini.

Leváronas coma quen rouba mazás na casa dun cura. Coa certeza de que lle pertencían. Era 1997 e aínda as mordazas, xa gardadas en caixóns, tiñan fresca a saliva dos últimos días do réxime de silencio. Por iso, quero pensar, cando se fixo a restauración das vidreiras da igrexa románica de Moraime, en Muxía, ninguén alzou a voz. Aínda que non volveran a aparecer. Aínda que se descoñecera a súa importancia. Aínda que detrás da rehabilitación estivera o panóptico xigante de San Caetano. É parte do noso temperamento aletargado. Deixarnos calar e usar o somier de cancela.

Cincuenta e catro anos antes, alguén pintou unha mensaxe nas paredes do Mosteiro de Celanova. A pintada ten o amén de Xosé Luís Méndez Ferrín e a virtude de sobrevivir á lixivia do franquismo. “Adiante, Semanario”, di en letra negra. Durante anos a súa existencia foi un misterio. Ninguén vira número algún daquel semanario das Mocidades Galeguistas de Celanova en tempos da II República. E, mentres, a pintada continuaba impasible e rebelde, pero diminuta na inmensidade das mesmas paredes que retiveron a Celso Emilio durante tres días nunha gaiola de pedra. Unha cuncha de ovo empedrada na que se agocharan os libros prohibidos do medievo e á que só se accede desde o balcón que dá á capela mozárabe de San Miguel. Pero hai dous anos, Chon Fernández rebeirando nunha gabeta na súa casa en Celanova deu con aquela publicación pantasma de xaneiro de 1933. No seu haber de formato berliner conta coa sinatura de Celso Emilio, pero tamén coa de Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Xosé Velo, Martínez Doval, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas. Grazas á Fabrica de Chocolates ou ao Gran Café Club, que anunciaban a berros de tinta calefacción central e radios philips, “Adiante” saíu dese gran prelo que era Celanova. Os artigos de opinión son unha ofrenda aos galegos, para se espeliren. Case cen anos despois, as reivindicación mantéñense intactas, camufladas en bandeiras das que escapan os paseantes por pensar que están aí para marcar territorio. Coma se os seus himnos fosen un código morse incomprensible.

Agora a Fundación Curros Enríquez reparte os facsímiles coma unha beizón, propagando a súa recuperación coa esperanza de que se volva contaxioso, na Costa da Morte, por exemplo. Nas liñas á mocidade faise un reclamo do labor de Ultreya e da lucidez das vontades. Coma o facho de luz dun faro que se apaga por veces. Bo é que na súa intermitencia cansiña, as desafeccións convértense nun intenso sentimento de noxo, que, coma as pintadas en pedra dun home polémico na súa relación coa guerra e a política, pero comprometido na súa poesía carnívora, expón a súa queixa eterna á “Galiza do mouro caciquismo- en que o Galego é lobo do Galego”, para rematar unha vez máis implorando. “Irmáns: Os tempos son chegados”.

O blogue Caderno da crítica recolle a tradución ao finés do poema “Longa noite de pedra”, tirado do libro homónimo, un traballo realizado pola profesora Jarna Piipo. Deixamos aquí a ligazón e reprodúcese abaixo o poema:

  1. «Pitkä kivinen yö»
  2. Keskellä tietä oli kivi
  3. oli kivi keskellä tietä
  4. oli kivi
  5. keskellä tietä oli kivi.
  6. Carlos Drummond de Andrade

Katto on kivestä.

Kivestä ovat muurit

ja hämärä.

Kivestä lattia

ja kalterit.

Ovet,

kettingit,

ilma,

ikkunat,

katseet

ovat kivestä.

Sydämet ihmisten

jotka kaukaa väijyvät

on tehty

myös

kivestä.

Ja minä, teen kuolemaa

tässä pitkässä

kivisessä yössä.

 

Recollemos a noticia e fotografía publicada en La Voz de Galicia o 22 de marzo de 2012:

O Pen Clube de Galicia e a Deputación de Ourense reivindicaron onte a figura e a obra de Celso Emilio Ferreiro na celebración do Día Internacional da Poesía. Nos actos participou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, e estaba prevista a presenza do presidente da Real Academia Galega, aínda que Méndez Ferrín non puido acudir polo pasamento dun familiar. Luís González Tosar, presidente do Pen, introduciu o acto lendo A poesía é verdade, do poeta de Celanova, e lembrando a figura «do poeta maior» ao que tivo «a honra de coñecer». Manuel Baltar, presidente da Deputación, ratificou o compromiso do organismo cos actos do centenario do escritor -na sesión proxectáronse fotos mercadas pola Deputación a Foto Villar da homenaxe ao poeta en 1966, antes de emigrar a Venezuela- e Xesús Vázquez dixo que a consellería axudará «a sacar a poesía á rúa».