Listado de la etiqueta: poema inédito

09-01-2016

Madrygal. Revista de Estudios Gallegos

Carta inédita de Celso Emilio Ferreiro
Claudio Rodríguez Fer
Universidade de Santiago de Compostela
Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética

O 25 de abril de 1978, no mes no que eu
cumprira vintedous anos, Celso Emilio Ferreiro
escribiume ao meu enderezo estudantil
da zona vella de Santiago de Compostela
(Patio de Madres 15, 3º esquerda) unha carta
cun poema remitida dende o seu domicilio de
Madrid (Juan Bravo 53, 4º, Madrid 6). Na súa
misiva comezaba por agradecer e comentar
xenerosamente un poema meu, escrito nunha
época xuvenil na que eu non tiña
intención de publicar poesía para sentirme máis libre e
independente dos mundiños literarios, intención
que foron minando opinións como a súa.

Querido amigo:
Gracias polo poema, tan sinxelo e a vez tan
fermoso no seu feitío de colaxe perfectamente
resolto. Grazas polas súas amáveis palabras.
Coido que anque non queira pubricar debera
seguir escribindo poesía. É un grande exercicio
prá escritura en prosa e pra o esprito. É
tamén un xeito de catarse ou purga dos malos e
bós humores.
Logo respondía a un meu pedido de colaboración
para un proxecto en marcha:

Respeito a páxina da Voz, sinto non poderlle
mandar neste momento mais que ese pequeno
poema, que está prácticamente inédito.
Esta tempada ando moi escaso de tempo. Mais
adiante -se ten a amabilidade de lembrarmomandareille
un artigo.
Cos meus saúdos máis cordiais
Celso Emilio Ferreiro

Tratábase do fermoso poema “Homenaxe
ao libro”, que eu exhumaría posteriormente
nun artigo, co título de “Poema inédito de
Celso Emilio Ferreiro adicado ao libro”, publicado
no Diario de Galicia, en Vigo, o 23 de abril de 1988, con motivo da conmemoración
do Día do Libro.
Eu coñecera persoalmente, sendo moi
novo, a Celso Emilio Ferreiro en Lugo, concretamente
nun abarrotado recital poético no Círculo de las Artes,
tras o que logo asistín a un amplo faladoiro con el no barrio de Recatelo.
Neste encontro participaron Xesús Alonso Montero e
Uxío Novoneyra, así como varios profesores e
estudantes entón residentes en Lugo.
(Por certo, lembro como anécdota
moi íntima que, no Salón Rexio do Círculo,
fora a miña nai, asistente ao acto na primeira
fila de asentos, quen quedara coas pertenzas
de Celso Emilio no colo mentres el recitaba).

Carta inedita de Celso Emilio2

Carta inedita de Celso Emilio1

Firma Celso Emilio