DAS TEBRAS Á LUZ: A GUERRA E MORAIMA

1936-1940

Ao estoupar a guerra civil Celso Emilio é chamado a filas cos mozos da súa quinta e enviado á fronte de Asturias. Liquidada a guerra en Asturias é destinado a Transmisións no edificio da Telefónica de Oviedo onde, dun xeito casual en 1938, coñece a Moraima, con quen casará máis adiante e con quen terá catro fillos: Luís, Xosé María, Isabel e Xabier.

Nun permiso en Celanova fala criticamente nunha tasca sobre o novo réxime e unha veciña denúnciao ás autoridades do lugar, de xeito que pasa catro días e tres noites nunha cela do mosteiro de San Rosendo. O gobernador militar de Ourense ordena a súa execución, que non se cumpre mercé a influencias de carácter familiar: aí nacerá o seu coñecido poema “Longa noite de pedra”, que logo lle daría o título ao libro homónimo.
Á conclusión da guerra retorna a Celanova e exerce con Velo Mosquera a docencia na súa vila, iniciando por libre estudos de Dereito e Maxisterio.

Poemas relacionados

Obra desa época

A min non me importa
que o pazo da morte estea ahí enfrente.
A.S.

Sabes, Moraima,
a morte é unha soia criatura,
pro ten moitas caretas diferentes
e gadañas ubicuas.

Un día olléina,
con figura de peixe,
nadando pola febre
dun neno enfermo.
Dempóis trocóuse
nun escuro trebón
agallopando a chaira.

Vestida de mapoula
vina outra vez poñendo
letras macabras
nos muros brancos.
Viva eu, escribía,
viva eu, escramaba a morte mesma.

E nun vello mosteiro miréina
retratada de vampiro
nos ollos centinelas que gardaban
a seiscentos prisoeiros.

Co nome de Xosefa
vina outra vez
pedindo o sangue
dos inocentes
pra apagar o seu odio
de Némesis ouscena.

E voltéi a topala
nas Asturias de Oviedo
vestida de soldado,
disfrazada de lóstrego,
envolta en poo e chumbo,
asubiando unha estrana melodía.

E tornéi a mirala
nas rúas de Caracas,
cando a terra tremeu
con espasmos xeolóxicos
e a cidade bradaba
coma besta ferida.

A derradeira vez
que me atopéi con ela
foi dentro dun Volkswagen
–¿lémbraste?–
pro esa é outra historia.