CARACAS: O DURO EXILIO

1966-1973

En ocasións disfrazada como “aventura migratoria” ou termos semellantes, a saída de Celso Emilio Ferreiro cara a América responde, na realidade, á única posibilidade que lle quedaba logo de sentir moi próximo o alento da persecución das forzas represivas do réxime franquista. Relátao moi diafanamente nunha carta persoal dirixida a Camilo Díaz que explica por que aceptou o posto de activista cultural no seo da Irmandade Galega de Caracas.

Con todo, os seus amigos forman unha comisión organizadora para preparar unha grande homenaxe de despedida. Así reúnense Luís Soto e Xosé Luís Méndez Ferrín, en representación da U.P.G., con Xesús Alonso Montero, voceiro naquela xuntanza do P.C., e acordan aproveitar a convocatoria da comida-homenaxe de despedida para significar nela un importante acto de protesta diante da decisión do goberno de Franco de asolagar as fértiles veigas de Castrelo de Miño e Ventosela en favor dos proxectos de FENOSA.

O domingo 15 de maio de 1966 celébrase nos baixos do Hotel Roma de Ourense o xantar. Acoden a el douscentos cincuenta comensais, recibíndose mil duascentas cincuenta adhesións. Pronuncian discursos para a ocasión Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Emilio Álvarez Blázquez, entre outros.

Na Hermandad Gallega venezolana ocúpase da dirección, redacción e confección do periódico quincenal Irmandade, da dirección e orientación do Cine Clube da sociedade, da dirección e redacción da emisión radiofónica Sempre en Galicia e mais da dirección e orientación da Escola Castelao de primeiro ensino.

Funda e preside dende 1967 a Agrupación Nós, entidade que pretendía politizar nun sentido claramente nacionalista á Hermandad Gallega.

Pouco despois unha facción da Hermandad en sintonía cos desexos do embaixador de España en Venezuela acaba co labor dinamizador do poeta coa vitoria conseguida a través dunhas eleccións fraudulentas.

En xullo de 1968 recibe comunicación oficial da Hermandad da súa expulsión nunha carta coasinada polo presidente e o secretario xeral.

Comeza un percorrido laboral que o leva dun traballo a outro: profesor de gramática castelá nunha academia, corrector de probas na imprenta dun galego emigrado…, oficios que perderá rapidamente debido á persecución á que se ve sometido por parte dos directivos da Hermandad.

Obtén a cidadanía venezolana en marzo de 1969 e por mediación de Antidio Cabal logra en 1970 acceder ao posto de corrector de estilo no Gabinete de Prensa da Oficina Central de Información do entón presidente Rafael Caldera. Algúns directivos da Hermandad chegan a filtrar a xornais galegos a falsa noticia da súa morte e do seu fillo, que foi así anunciada por La Región o 25 de marzo de 1970. Como reacción, Celso Emilio publica Viaxe ao país dos ananos (1968), que na súa primeira parte constitúe un ataque a eses emigrantes enriquecidos e envilecidos.

Ese mesmo ano publica en Caracas Cantigas de escarnio e maldecir, asinado polo seu heterónimo satírico Arístides Silveira. Obra que gozará de continuidade en Os autentes (1973), significativamente subtitulada Novas cantigas de escarño, cun introito, sete gómitos e unha náusea final, folleto da autoría de Alexis Vainacova —outro dos seus pseudónimos— publicado ao chegar a España acaidamente por Ediciones Pirata.

Nesta liña publica en castelán, malia o título, Fóronse á puñeta (1973) —asinado co nome de Neskezas Cokhan Mordhe, editado polo selo Alén de Venezuela e xurdido como despedida sarcástica dos entón directivos saíntes da Hermandad—, amais do romance de cego Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por il mesmo. Romance de Arístides Silveira cun limiar tirado dos proverbios do Conde de Vimioso (o Vello) e epílogo de Celso Emilio Ferreiro (1970), publicado en Ediciós do Castro por Isaac Díaz Pardo.

Pertence a este ciclo o libro de epitafios burlescos Cemiterio privado (1973), publicado por un grupo de mozos nacionalistas que levaban adiante Ediciós Roi Xordo en Xenebra.

Esta vea lírica incendiaria confirmou a Celso Emilio como o poeta de preferencia entre os cantautores que, como voces musicalmente contestatarias, comezaban a agromar en Galicia, tendo un papel destacado na chamada “Nova Canción Galega” o que contribuíu a difundir aínda máis a súa poesía.

Publica Terra de ningures en 1969 na colección Val de Lemos da editorial Xistral, que dirixía en Monforte o poeta Manuel María con poemas asinados e datados en diferentes países polos que viaxara.

En 1970 edita os “13 poemas iracundos y una canción inesperada”, separata da revista caraqueña Expediente, no 2, setembro 1970, publicación trimestral dirixida por Antidio Cabal. Gaña o IV Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca que publica Antipoemas, pero sen dez composicións mutiladas. Celso Emilio publicará os dez poemas «expurgados» autoeditando en Caracas ese mesmo ano a carpeta Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro «Antipoemas» por causas no imputables a la voluntad del autor.

Publica o libro de relatos A fronteira infinda, en Edicións Castrelos de Vigo na colección O Moucho en 1972, incluíndo aquí elementos de filiación autobiográfica.

Desenvolve unha salientable actividade política en Caracas no seo da UPG como responsable da Secretaría de Relacións Exteriores deste partido, publicando durante un tempo o Terra e tempo. Asemade establece contactos co Consello de Galiza en Bos Aires solicitando unha credencial que o avalase como persoa autorizada para nuclear e coordinar unha delegación de tal organismo en Venezuela, credencial que lle sería concedida.

Nestes anos, nos Xogos Florais do Idioma Galego de Bos Aires de 1968, gaña o Premio Rosalía de Castro ao mellor «Canto á muller galega» polo seu poema «Miña Matria Galiza». Nos I Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães de 1970 resultará gañador na modalidade de poesía e da de narrativa.

Poemas relacionados

Obra desa época

Eu, Gulliver Ferreiro, bon galego,
solemnemente digo:
Esilado na miña propia Terra,
canso de ollar as mesmas torres sempre,
farto de ver as mesmas caliveras
–fasquía de vivir pecho nun sótano–
quixen seguir o rumbo do meu pobo,
o ésodo sin fin dos emigrantes.
Troquéi os lares patrios
polos eidos alleos
e percorrín o mundo coma un nómada
compañeiro do vento e das estrelas.
Camiñéi á ventura,
naveguéi día e noite, mar adentro,
paséi as illas páledas,
vin o peixe voador i os arroaces,
deixéi á esquerda as augas dos Sargazos,
cheguéi ás moles praias do mar quente,
do eterno vrau vestido de bikini,
choutando pola area.
(Veda Woodlake decía quedamente:
“O mar non é un camiño innumerábel;
é un gran corazón abandoado”.)
Non quixen escoitar
teus cantos de sereia,
Veda Woodlake. Buscaba
aos meu irmáus perdidos. Rosalía
choróu por iles bágoas de esperanza.
Curros berróu os seus trenos inmorrentes
i eu mesmo un día dixen (mália a hora!)
que os nosos emigrantes
“erguen seus urros ceibos e labouran
cos músculos encheitos de esperanzas
lonxe da patria
cuberta de cadeas e de tombas.”