Comeza o 2012, ano Celso Emilio con “Cen poemas en Celanova”


Comeza o Ano Celso Emilio Ferreiro!! O 4 de xaneiro de 2012 cumpríronse cen anos do nacemento do grande poeta celanovés.

A primeira iniciativa deste ano centenario é “Cen poemas en Celanova”, unha interesante proposta deseñada por Ouvirmos para o Concello de Celanova, e a Xunta de Galicia. Tomando como base a poesía de Celso Emilio, quere reforzar o vínculo entre o escritor e os habitantes da súa vila natal. Levouse a voz de Celso Emilio á rúa coa selección de cen estrofas de cen dos seus poemas que se exhibirán nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova durante todo o ano 2012.

Deste xeito, calquera persoa, incluso aquelas que non acuden normalmente aos circuitos culturais convencionais, poderán ler a poesía de Celso Emilio.
Os cen poemas son tamén a base dun xogo literario dirixido aos escolares que visitan a Casa dos Poetas de Celanova. O reto que se lles propón é a localización nos escaparates da vila do coñecido poema “Longa noite de Pedra”.

As estrofas deste poema son parte das cen estrofas seleccionadas que estarán nos establecementos de Celanova, e os participantes do xogo terán que atopalas. Contarán cun mapa, a modo de mapa de metro, para guiar o seu percorrido por Celanova, e cando localicen unha das estrofas de “Longa noite de pedra” terán que pedir ao establecemento correspondente que lles sele o mapa, até completar as cinco estrofas do poema.
A proposta “Cen poemas en Celanova” complétase coa edición especial de douscentos libros cun breve resumo da biografía do poeta, fotografías, palabras de Celso Emilio sobre Celanova, os cen poemas seleccionados, a metodoloxía do xogo literario e o plano de situación co nome comercial dos establecementos participantes no proxecto.

Artigos relacionados


Homenaxe poética a Celso Emilio Ferreiro no IES Valadares (Vigo)
“Olla meu irmao”, poema de Celso Emilio cantado por Miro
“En galego falo, en galego sinto, en galego canto, sabes que non minto”, En gallego hablo, en gallego siento, en gallego canto, sabes que no miento