RecitandoCelsoemiliO

Nov 20, 2012 editor de CEF novas

18-11-2012

<<Deitado frente o mar>>

Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra,símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de
Galicia

.RecitandoCelsoemiliO

1. A quen se dirixe?

En primeiro lugar, a todos os centros educativos da comunidade educativa galega, en todos os niveis de ensino non universitario, desde Educación Infantil ata Bacharelato.
Tamén poden sumarse a esta iniciativa asociacións de nais e pais, clubs de lectura,bibliotecas escolares e municipais, asociacións veciñais… e calquera persoa ou entidade interesada en participar nun acto festivo en torno á figura de Celso Emilio Ferreiro.

2. En que consiste?

A actividade consta de dúas accións simultáneas e complementarias:
Un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).

Un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.

3. Cal é o lema da convocatoria?

O lema común vai ser recitandocelsoemilio; durante o tempo de celebración da actividade de recitado este lema debe figurar en lugar ben visible encabezando o acto, mediante o soporte físico que se estime máis oportuno.

4. Cando se celebra?

Moi doado: o mércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas; a celebración do recitado deberá axustarse en todos os centros de ensino á data e hora oficial desta convocatoria, así como a difusión do lema central a través da rede.

5. Onde se celebra?

Dentro dos centros educativos, recoméndase a celebración conxunta de toda a comunidade escolar en espazos como salóns de actos, bibliotecas, patios de recreo, instalacións deportivas… Se existise colaboración de entidades como concellos, asociacións culturais ou de veciños, recoméndase que o recitado colectivo se celebre en lugares públicos fóra do centro que poidan ter un valor simbólico para a comunidade.

6. Como se participa?

Todos os centros educativos ou entidades colaboradoras que desexen participar en recitandocelsoemilio deberán enviar un correo electrónico de confirmación á CGENDL, indicando nome do centro, persoa oordinadora da actividade e número previsto de participantes. O prazo límite de inscrición remata o luns 10 de d ecembro.Unha vez celebrado o acto, deberá ser acreditado ante a CGENDL mediante rexistro fotográfico ou audiovisual do mesmo; as imaxes ou gravacións que dean conta do recitado serán enviadas á páxina web da CGENDL, especificando datos concretos do centro educativo e do número de persoas participantes no mesmo.

7. Cal é o seu obxectivo?

O obxectivo central é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos; así mesmo, desexamos manifestar, dun modo lúdico e masivo, o noso compromiso cívico cara á lingua galega, porque si, porque nos peta. 

8. Quen a coordina?

O equipo de normalización e dinamización lingüística de cada centro educativo; por defecto, calquera membro do equipo directivo ou do claustro dun centro que asuma o cumprimento correcto da actividade, baixo as condicións especificadas nos puntos anteriores.

9. Como se pode enriquecer esta actividade?

Aínda que o acto central de recitandocelsoemilio consiste na acción de recitado físico prevista para o día 12 do mes 12 do ano 2012, durante as semanas previas á actividade cada centro educativo ten a potestade de enriquecer e contextualizar o acto con aqueles recursos didácticos e lúdicos que estime máis oportunos. Suxerimos accións como:
elaboracións de temas musicais a partir do texto do poema, elaboración de murais, collages e pancartas xigantes, gravación e difusión de vídeos inspirados na temática do poema, utilización de espazos virtuais para difundir a obra de Celso Emilio Ferreiro e calquera outra acción de carácter creativo que contribúa a  incrementar a participación en recitandocelsoemilio, ben no propio centro, ben no contorno escolar.

10. En definitiva...

Se tedes interese en vos sumar a esta iniciativa, promovida pola CGENDL, agradecemos que vos apuntedes o antes posible e que a difundades por todos os medios ao voso alcance, para que esta información chegue axiña a todos os claustros escolares, asociacións de nais e pais, bibliotecas e clubs de lectura de Galicia.

A que estades esperando?

Unídevos xa a RecitandoCelsoemiliO!

COA VOSA AXUDA PODEMOS CELEBRAR UNHA GRAN FESTA COLECTIVA!

Nota:

A CGENDL desexa facer público o seu máis fondo agradecemento @s profesor@s Luz Beloso e Seso Durán (AudioVisual As Barxas), así como ao alumnado do IES As Barxas, pola seu entusiasmo e xenerosidade para con nós, pois grazas ao seu traballo e esforzo contamos cun magnífico vídeo de presentación da actividade. Beizóns!

Coordinadora Galega e ENDL – correo@coordinadoraendl.org

Artigos relacionados


Castelao e noso
O documental 100 % CEF opta aos premios Mestre Mateo
Credo