Comeza o 2012, ano Celso Emilio con "Cen poemas en Celanova"
Comeza o Ano Celso Emilio Ferreiro!! O 4 de xaneiro de 2012 cumpríronse cen anos do nacemento do grande poeta celanovés.
A primeira iniciativa deste ano centenario é “Cen poemas en Celanova”, unha interesante proposta deseñada por Ouvirmos para o Concello de Celanova, e a Xunta de Galicia. Tomando como base a poesía de Celso Emilio, quere reforzar o vínculo entre o escritor e os habitantes da súa vila natal. Levouse a voz de Celso Emilio á rúa coa selección de cen estrofas de cen dos seus poemas que se exhibirán nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova durante todo o ano 2012.
Deste xeito, calquera persoa, incluso aquelas que non acuden normalmente aos circuitos culturais convencionais, poderán ler a poesía de Celso Emilio.
Os cen poemas son tamén a base dun xogo literario dirixido aos escolares que visitan a Casa dos Poetas de Celanova. O reto que se lles propón é a localización nos escaparates da vila do coñecido poema “Longa noite de Pedra”.
As estrofas deste poema son parte das cen estrofas seleccionadas que estarán nos establecementos de Celanova, e os participantes do xogo terán que atopalas. Contarán cun mapa, a modo de mapa de metro, para guiar o seu percorrido por Celanova, e cando localicen unha das estrofas de “Longa noite de pedra” terán que pedir ao establecemento correspondente que lles sele o mapa, até completar as cinco estrofas do poema.
A proposta “Cen poemas en Celanova” complétase coa edición especial de douscentos libros cun breve resumo da biografía do poeta, fotografías, palabras de Celso Emilio sobre Celanova, os cen poemas seleccionados, a metodoloxía do xogo literario e o plano de situación co nome comercial dos establecementos participantes no proxecto.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!