O profesor Ramón Nicolás ditou unha conferencia sobre Celso Emilio Ferreiro no Ateneo de Santiago.

Foi presentado polo poeta e escritor Salvador García Bodaño e por Pilar Sampedro. Pódese ler a crónica do acto neste artigo de Fran P. Lorenzo publicado en El Correo Gallego do día 18 de xaneiro de 2012:

 

 

Ramón Nicolás, o profesor, crítico literario e blogueiro vigués -mantén na rede o seu Caderno da crítica– anticipou a pasada tarde, nunha concorrida conferencia, convocada polo Ateneo de Santiago, os fitos da biografía que está a ultimar sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro. O traballo publicarase neste 2012, centenario do nacemento do autor de Celanova, o lugar no que vivíu desde o seu nacemento en 1912 até o golpe militar de 1936. Co rigor e atención que adoita nas súas críticas e estudos literarios, Nicolás foi debullando as principais liñas dun percurso vital complexo, que se iniciou no arredismo ou independentismo de preguerra, da man, canda o seu amigo Pepe Velo, das Mocidades Galeguistas. Dese época son textos que Nicolás recupera nos xornais da época e divulga nesta biografía que detalla tamén a titela exercida por un seu irmán nos días de terror que lle seguiron á rebelión franquista e que o autor detalla con profusión de datos.

Reclamado para cumprir co servizo militar en plena guerra, en Oviedo coñece á que será a súa muller, Moraima, momento no que Nicolás sitúa tamén o o estourido do Celso Emilio poeta, que de volta en Pontevedra participa activamente na vida xornalística e editorial da cidade.

Desprazado a Vigo en 1949 iníciase unha outra etapa fecunda na que CEF escribe a que é para o biógrafo a súa gran obra, O soño sulagado: “aí está todo Celso Emilio”, asegura. O seu papel na fundación da UPG, a publicación en 1962 de Longa Noite de Pedra, na histórica colección Salnés, o salto a Caracas, e os conflitos coa Hermandad Gallega, completan un percorrido no que teñen singular peso as relacións epistolares coa intelectualidade galega do tempo “Xosé Mª Álvarez Blázquez foi o seu confidente e grande amigo”- e no que se bota luz sobre episodios descoñecidos e inéditos da vida do poeta.