O novo xornal dixital en lingua galega, Dioivo, estréase incluíndo unha entrevista, realizada por Carlos Meixide, a Aser Álvarez, cabezaleiro da Asociación Arraianos e responsable do Monográfico Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Deixamos aquí unha ligazón á entrevista e desexamos longa vida á nova plataforma informativa.

En xullo de 1951, celebrouse unha pelegrinaxe polos lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro. Participaron nela as máis egrexias personalidades da cultura galega daquel tempo (Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Paz Andrade, Gómez Román, Martínez Risco, Manuel Casás, Ramón Piñeiro, García Sabell e Fernández del Riego, entre outros), ademais de centos de galegos anónimos que lles uniron de xeito espontáneo.

Os actos rosalianos proseguiron en Compostela os días 24 e 25 de xullo daquel mesmo ano, coa presencia de dona Gala Murguía. Todo aquilo deu orixe a unha película, con guión de Celso Emilio Ferreiro.

[video_youtube width=”590″ height=”420″ shadow=”true” autoplay=”false” autobuffer=”false” ]http://www.youtube.com/watch?v=FvFGK4kbOfw[/video_youtube]

No interesante blogue Writing Finger, Jason Preater ofreceu, hai algúns meses, a tradución de tres poemas de Celso Emilio Ferreiro ao inglés. Velaquí a súa versión de  ”Longa noite de pedra”:

Long Night of Stone

In my path there is a stone
I have a stone in the middle of the path
I have a stone
In the middle of the path I have a stone.
(Carlos Drummond de Andrade)

The roof is of stone
Of stone are the walls
And the shadows
Of stone the ground
And the bars.
The doors,
The chains,
The air,
The windows,
The looks,
Are of stone.
The hearts of men
Who wait far off
Are made
Also
Of stone
And I am dying
In this long night
Of stone.

Desde a Fundación Celso Emilio Ferreiro  celebramos esta iniciativa da que se nos informa en El Progreso:

El grupo Radio Lugo-Cadena Ser ha puesto en marcha el proyecto ‘O son da nosa fala. Celso Emilio Ferreiro. Cen anos’, que consistirá en la emisión diaria de poemas y piezas biográficas sobre el autor, leídos por figuras públicas y personas anónimas. El proyecto, coordinado por el locutor Paco Nieto y la periodista Tania F. Lombao , pretende recopilar 1.000 voces.

Presentamos o Logo do Ano Celso Emilio.

O escritor de Celanova aínda conserva con orgullo o recoñecemento popular cen anos despois de nacer.

 

CAMILO FRANCO   santiago / la voz  18 de febrero de 2012

Celso Emilio Ferreiro volverá ás rúas ao longo de 2012. Rúas, casas, escaparates e escenarios serán, ademais dos académicos, espazos de celebración para un escritor que aínda conserva con orgullo o recoñecemento popular cen anos despois de nacer en Celanova.

Un conxunto de institucións culturais galegas presentaron as liñas xerais das conmemoracións que lembrarán este centenario, poñendo de manifesto o procedemento de cooperación para a organización das actividades e a vixencia absoluta da figura e da obra de Celso Emilio Ferreiro e das súas reivindicacións.

Ata oito institucións presentaron este arranque do centenario ferreiriano. Ademais de Cultura, a Real Academia, o Consello da Cultura, o Concello de Celanova, o Pen Clube de Galicia, Política Lingüística, e a fundación que leva o nome do autor de Longa noite de pedra aportarán distintas actividades para conformar un calendario que non deixe fóra ningunha das facetas do escritor e que ligue co carácter universal que o autor ten.

Entre as primeiras iniciativas que xa están en marcha cóntase a páxina web celsoemilioferreiro.org, que, segundo o seu fillo, Luís Ferreiro, «recolle toda a información segmentada nas súas etapas vitais, incluíndo material gráfico». Nesta web tamén se ofrecerá información sobre todas as actividades deste centenario e do cincuentenario da edición de Longa noite de pedra.

Entre as actividades anunciadas figura unha iniciativa de ler versos do escritor en casas de rúas de Galicia que leven o nome de escritor, unha iniciativa á que poden sumarse os veciños que o desexen en cada unha das poboacións. No mesmo sentido, versos e textos de Ferreiro están presentes xa en escaparates de comercios de Celanova e en espazos públicos da vila.

 

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Hai escritores que pola dimensión da súa vida e a súa obra, vixente malia o que veña, teñen unha especial relación coa información de hoxe e o seu novo contexto por excelencia: o contexto dixital. É o caso de autores como Celso Emilio Ferreiro, que, tal e como sinalamos dende Código Cero, tense diversificado en múltiples ríos a través da Rede: nun certame de fotografía cos móbiles, nunha fotobiografía sonora da man de Ouvirmos, ou a través de eventos musicais en liña como Cantalingua. Pois ben, este luns amencimos con novidades dixitais arredor do lendario escritor de Celanova. Para comezar, a web celsoemilioferreiro.org, espazo de difusión que se presentou a semana pasada en Santiago e que se insire nas accións que celebran o centenario do poeta.
A páxina en cuestión foi desenvolvida por Ouvirmos para a fundación que leva o nome do autor de Longa Noite de Pedra e a Consellería de Cultura. Trátase dun sitio en tres linguas (galego, castelán e inglés) proxectado e posto en marcha para “axudar a difundir a figura deste grande poeta dentro e fóra de Galicia”, sinala Ouvirmos. A páxina é en toda regra unha fonte de información sobre o autor galego, pero tamén sobre o coñecemento que se xera a raíz del e sobre o amplo calendario de celebracións que xiraran arredor de Celso Emilio co gallo do centenario do seu nacemento. O sitio web, engade Ouvirmos, fai un rigoroso e pormenorizado percorrido pola vida e obra de Celso Emilio, todo artellado arredor das diferentes etapas vitais que pasou en Celanova, Asturias, Pontevedra, Vigo, Caracas e Madrid.
Na web pódese coñecer tamén a súa creación literaria. No apartado bibliográfico está recollida a súa obra desde os primeiros poemas de Cartafol de Poesía até o póstumo O libro dos homenaxes, así como unha listaxe de bibliografía sobre Celso Emilio Ferreiro.
Outro apartado innovador, engade Ouvirmos, é o Arquivo, onde se recollen fotografías e arquivos sonoros que nos aproximan máis á figura do poeta. “Entre as fotos do álbum familiar”, explícase, “podemos ver imaxes dos seus primeiros anos en Celanova, do seu noivado con Moraima, dos seus anos en Pontevedra e Vigo, da súa amizade cos intelectuais da época, da emigración en Venezuela, e dos últimos anos en Madrid”. Amais do devandito achégase unha Fonoteca que dá acubillo a unha escolma de arquivos sonoros nos que se pode escoitar a voz do propio autor recitando ou o son da súa máquina de escribir, amais de interpretacións musicais da súa obra.
Mostra multimedia


De xeito paralelo ao desenvolvemento da páxina web e outras iniciativas de celebración, anúnciase a posta en marcha dunha mostra multimedia sobre Celso Emilio que vai ter carácter itinerante, durante 2012, e que abranguerá unha boa parte da nosa xeografía. A exposición, que entre outras cousas incluirá contidos visuais e máis obxectos físicos que pertenceron ao autor, vén da man da Fundación Celso Emilio Ferreiro e das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística. Segundo informan, trátase de por ao alcance de tódalas galegas e galegos unha biografía multimedia a través da obra, as imaxes, os sons e os obxectos propios do escritor, amais da súa voz, estruturándose todo arredor dunha pantalla de acceso táctil a aplicacións interactivas e dunha mesa de luz con obxectos persoais do poeta.

O Consello da Cultura Galega celebrará o vindeiro 24 de maio a xornada “Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega”. Tres relatorios e unha mesa redonda abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio (Celanova, 1912-Vigo, 1979) no marco dos actos conmemorativos do seu centenario. Coordina a xornada o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas.

Tátase de debater a actualidade dos plantexamentos críticos verbo do papel histórico e presente da emigración galega, reavaliando dende unha perspectiva actualizada a discusión que provocara a aceda crítica ás colectividades de emigrantes galegos en Venezuela, contida no o libro “Viaxe ao país dos ananos”, e de ver cáles poderian ser os paralelismos e as leccións desa discusión no presente.
A xornada abordará asemade o contexto migratorio dos galegos en Venezuela e a discusión provocada por “Viaxe ao país dos ananos”.

Na sesión da mañá, a partir das 10 horas, presentarán os seus relatorios: Ramón Nicolás (Celso Emilio Ferreiro: Unha biografía político-intelectual); Raúl Soutelo Vázquez (A inmigración galega en Venezuela en tempos de Celso Emilio) e Xosé M. Núñez Seixas (Revisando os ananos: A interpretación da emigración galega en Celso Emilio Ferreiro).

Pola tarde, nunha mesa redonda analizaranse o tema “Ananos ou xigantes? A actualidade do debate sobre a emigración, 40 anos despois”.

Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e patrono da Fundación Celso Emilio Ferreiro, deixa no seu blogue brétemas algunhas reflexións ao fío dos actos celebrados en Compostela no que se presentou un amplo programa de actividades institucionais para o Centenario e engade as primeiras valoracións arredor da biografía sobre Celso Emilio Ferreiro que verá a luz nun breve prazo de tempo. Velaquí o seu texto:

Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.

Información vía: https://www.edu.xunta.es/web/node/4117

Difundir e poñer en valor o extraordinario legado de Celso Emilio Ferreiro. Este é o principal obxectivo do programa de actividades que promove durante o 2012 a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa implicación das principais entidades culturais galegas, para conmemorar o centenario do nacemento do escritor e o 50º aniversario da publicación do seu poemario Longa noite de pedra.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá na Cidade da Cultura a programación do Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado por unanimidade no Parlamento de Galicia. O programa, que inclúe unha ampla diversidade de propostas, foi concibido desde a colaboración con diferentes departamentos e organismos do Goberno e da sociedade civil.

Deste xeito, xunto con Anxo Lorenzo, presentaron as actividades o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o tesoureiro da Real Academia Galega (RAG), Manuel González; o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez – Casa dos Poetas, Antonio Mouriño; o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, fillo do escritor.

Páxina web oficial do poeta

Este último foi o encargado de presentar a páxina web oficial do poeta de Celanova, unha base de información imprescindible para asegurar a difusión de Celso Emilio entre o conxunto da cidadanía e mesmo a calquera interesado en calquera lugar do mundo, accesible desde o sitio web www.celsoemilioferreiro.org.

Múltiples oportunidades para se achegar ao autor

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, “ao longo dos vindeiros meses iranse desenvolvendo múltiples oportunidades para nos achegar e coñecer máis e mellor a obra poética de Celso Emilio, pero tamén os diferentes aspectos que fixeron que a súa andaina vital siga sendo un referente para a sociedade galega”.

“Propuxemos unha diversidade ampla de formatos co fin de garantir a súa difusión social”, afirmou Anxo Lorenzo, que presentou algunhas das principais iniciativas. Entre elas, a campaña “Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro”, que levará poesía casa a casa nas rúas de 28  localidades de Galicia que levan o nome do autor; a dotación das bibliotecas das diversas edicións conmemorativas que van ver a luz con motivo desta conmemoración ou unha exposición multimedia e itinerante que viaxará durante todo o ano por diversas localidades de toda a comunidade autónoma galega.

Espectáculos musicais

Ademais, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) realizaranse dous espectáculos musicais arredor dos versos de Celso Emilio, que terán lugar en Celanova e mais en Vigo. Ese diálogo entre literatura e música será tamén o marco para a actividade asumida desde a Cidade da Cultura, no Ciclo Ceo das Letras, que este ano se abrirá cunha sesión en abril dedicada ao poeta de Celanova.

A difusión exterior da obra de Celso Emilio Ferreiro é outro dos eixos que vertebra o programa de actividades. Con este obxectivo os poemas do escritor chegarán, traducidos ao inglés e ao castelán, aos países de fala hispana e inglesa a través dun conxunto de recitais bilingües.

Actividades formativas para os escolares e iniciativas de corte académico, como a xornada que promoverá o CCG ou a sesión extraordinaria sobre o autor que organizará a RAG en Celanova, son outras das iniciativas que completan un amplo e diverso programa de actividades, que estará accesible no web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Un escritor “anovador e amado polo pobo”

A Xunta de Galicia asume, así, o compromiso de conmemorar esta figura fundamental da cultura e da lingua galega, un escritor, en palabras do secretario xeral de Política Llingüística, “anovador e amado polo pobo, ao que honramos este ano cun programa rico en actividades e dirixido a un pobo que xa o sente como seu”.