Presentación da programación do Ano Celso Emilio Ferreiro coas principais institucións culturais de Galicia

Feb 17, 2012 editor de CEF novas

Información vía: https://www.edu.xunta.es/web/node/4117

Difundir e poñer en valor o extraordinario legado de Celso Emilio Ferreiro. Este é o principal obxectivo do programa de actividades que promove durante o 2012 a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa implicación das principais entidades culturais galegas, para conmemorar o centenario do nacemento do escritor e o 50º aniversario da publicación do seu poemario Longa noite de pedra.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá na Cidade da Cultura a programación do Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado por unanimidade no Parlamento de Galicia. O programa, que inclúe unha ampla diversidade de propostas, foi concibido desde a colaboración con diferentes departamentos e organismos do Goberno e da sociedade civil.

Deste xeito, xunto con Anxo Lorenzo, presentaron as actividades o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o tesoureiro da Real Academia Galega (RAG), Manuel González; o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez – Casa dos Poetas, Antonio Mouriño; o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, fillo do escritor.

Páxina web oficial do poeta

Este último foi o encargado de presentar a páxina web oficial do poeta de Celanova, unha base de información imprescindible para asegurar a difusión de Celso Emilio entre o conxunto da cidadanía e mesmo a calquera interesado en calquera lugar do mundo, accesible desde o sitio web www.celsoemilioferreiro.org.

Múltiples oportunidades para se achegar ao autor

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, “ao longo dos vindeiros meses iranse desenvolvendo múltiples oportunidades para nos achegar e coñecer máis e mellor a obra poética de Celso Emilio, pero tamén os diferentes aspectos que fixeron que a súa andaina vital siga sendo un referente para a sociedade galega”.

“Propuxemos unha diversidade ampla de formatos co fin de garantir a súa difusión social”, afirmou Anxo Lorenzo, que presentou algunhas das principais iniciativas. Entre elas, a campaña “Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro”, que levará poesía casa a casa nas rúas de 28  localidades de Galicia que levan o nome do autor; a dotación das bibliotecas das diversas edicións conmemorativas que van ver a luz con motivo desta conmemoración ou unha exposición multimedia e itinerante que viaxará durante todo o ano por diversas localidades de toda a comunidade autónoma galega.

Espectáculos musicais

Ademais, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) realizaranse dous espectáculos musicais arredor dos versos de Celso Emilio, que terán lugar en Celanova e mais en Vigo. Ese diálogo entre literatura e música será tamén o marco para a actividade asumida desde a Cidade da Cultura, no Ciclo Ceo das Letras, que este ano se abrirá cunha sesión en abril dedicada ao poeta de Celanova.

A difusión exterior da obra de Celso Emilio Ferreiro é outro dos eixos que vertebra o programa de actividades. Con este obxectivo os poemas do escritor chegarán, traducidos ao inglés e ao castelán, aos países de fala hispana e inglesa a través dun conxunto de recitais bilingües.

Actividades formativas para os escolares e iniciativas de corte académico, como a xornada que promoverá o CCG ou a sesión extraordinaria sobre o autor que organizará a RAG en Celanova, son outras das iniciativas que completan un amplo e diverso programa de actividades, que estará accesible no web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Un escritor “anovador e amado polo pobo”

A Xunta de Galicia asume, así, o compromiso de conmemorar esta figura fundamental da cultura e da lingua galega, un escritor, en palabras do secretario xeral de Política Llingüística, “anovador e amado polo pobo, ao que honramos este ano cun programa rico en actividades e dirixido a un pobo que xa o sente como seu”.

Artigos relacionados


Mil versos para Celso Emilio,Maratón radiofónico en directo
Celso Emilio noTeatro Liceo de Salamanca
Presentación do libro “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” na Feira do Libro da Coruña