Primeiras valoracións da biografía sobre Celso Emilio Ferreiro

Feb 18, 2012 editor de CEF novas

Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e patrono da Fundación Celso Emilio Ferreiro, deixa no seu blogue brétemas algunhas reflexións ao fío dos actos celebrados en Compostela no que se presentou un amplo programa de actividades institucionais para o Centenario e engade as primeiras valoracións arredor da biografía sobre Celso Emilio Ferreiro que verá a luz nun breve prazo de tempo. Velaquí o seu texto:

Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.

Artigos relacionados


Limiar, poema de Celso Emilio na voz de Suso Vaamonde
Celso Emilio Ferreiro no Día Mundial da Poesía
Poesía y periodismo fueron de la mano en Celanova