Tres poemas de Longa noite de pedra, por Manuel Rodríguez Alonso

O profesor e crítico literario Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blogue, Bouvard e Pécuchet, unha análise de tres composicións poéticas de Longa noite de pedra. Reprodúcese a continuación:

 

O outro día comentabamos o poema número 5 de Longa noite, “O edificio”. Imos hoxe referirnos aos poemas 2, 3 e 4.

O poema 2 titúlase “Tempo de chorar”. Como ben sinala o editor Gonzalo Navaza na súa edición de Xerais, o poema adopta un ton bíblico. O poema presenta un tempo de chorar. Este tempo duro é aludido con visións de tipo negativo como pombas de luz aferrolladas, as espadas penduran silandeiras… Mais o poeta tamén amosa a esperanza porque han de vir tempos mellores, cheos de versos de escumas. Mentres, cunha adecuada perífrase de xerundio expresa o esforzo dos que queren chegar a ver ese momento onde o día nasce: Pois o que chora vive, iremos indo; /indo chorando, andando.

De novo neste poema, o autor manexa o paralelismo e mais a anáfora (polas pombas de luz aferrolladas, /polo esprito vencido baixo a noite, así como a anadiplose (…iremos indo; /indo, chorando, andando), todas elas figuras de repetición que crean un ritmo moi adecuado.

Mais non todos son acertos no poema. Na devandita correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro, publicada por Galaxia e tantas veces citada aquí, os dous correspondentes falan do panfletarismo e retórica revolucionaria baleira e ata desgastada en que ás veces incorren os poemas de Celso Emilio. Nese sentido son sintagmas desgastados na tradición retórica, especialmente no subxénero lírico do pranto consagrado a laiar a desgraza que sofre unha comunidade, sintagmas como duro pranto, libertá prostituída, pútrido vento, pon cadeas / no corazón dos homes xenerosos… Resulta tamén desgastada de máis a metáfora de hei navegar periplos, descubertas… Do mesmo xeito ultradesgastado é ese xermola un mundo novo, do verso 16 ou a voz que ha trocarse en ira do verso 19.

O seguinte poema, o número 3, titúlase “O Reino” e combina dous tópicos (entendido neste caso tópico como tema ou motivo que se repite ao longo do tempo na historia da literatura desde a Antigüidade grecolatina): o tópico da Idade de Ouro, mais combinado co do Paraíso Perdido. O editor do texto que manexamos (Gonzalo Navaza) sinala que este tópico é propio da Ilustración e do Romanticismo. Mais é un tópico propio da literatura clásica greco-latina. Hesíodo e Virxilio (por exemplo, na égloga IV) aluden a unha etapa primitiva da humanidade en que esta gozaba de perpetua xuventude, vivían todas as persoas en comunidade de bens e eran descoñecidos o roubo, a violencia, a inxustiza e a guerra. Era chamada esta etapa da civilización polos clásicos como época dourada ou Reino de Saturno. A máxima difusión deste tópico acádase posiblemente entre nós grazas ao célebre capítulo 11  da primeira parte de El Quijote.

Temos que lembrar que nos anos do bacharelato da xeración á que pertence Celso Emilio Ferreiro o Quijote era libro de lectura escolar obrigada, despois do decreto de 1912 do ministro liberal Santiago Alba, que establecía a obrigatoriedade de lectura da grande obra cervantina na escola e nos institutos. Esta orde foi reiterada polo conservador Natalio Rivas en 1920. Incluso hai frases do poema de Celso que parecen estar tomadas de El Quijote como Dicir teu e meu non se entendía (ignoraban estas dos palabras de tuyo y mío, Quijote, I, 11).

Outro tema reiterado desde a Biblia é o do Paraíso Perdido, que tamén aparece neste poema, especialmente nos tres versos que pechan o texto: ¿Cando / cando se perdeu, /iste gran Reino?

O tema do paraíso perdido é un tema que aparece moito nos poetas que sufriron a Guerra Civil, por exemplo os españois da xeración do 27, como Guillén ou Aleixandre, que chega a titular unha das súas obras de posguerra Sombra del paraíso. Eu coido que hai que interpretar este poema de Celso Emilio na liña de que o Reino, en difinitiva o paraíso, eran os tempos da República. O Celso Emilio, militante daquela nas Mocidades Galeguistas, viviu, como moitos membros da súa xeración, a etapa da II República como a época das expectativas ilimitadas. O propio Celso dillo así a Freixanes na entrevista de Unha ducia de galegos: No ano 1931 eu tiña dezasete anos e o ambiente galego era entón de grandes esperanzas. Pensábase que co novo réxime político, coa República que nacía, todo ía ser máis doado para que Galicia erguera a súa testa decaída (páx. 141).

Se lemos o relato autobiográfico A taberna do galo (hoxe facilmente accesible na edición da Obra narrativa realizada por Ramón Nicolas en Xerais) veremos que a República é o tempo en que o Agipró reta ao abade para demostrar por medio das matemáticas que Deus non existe tras predicar a boa nova do marxismo por toda a bisbarra. Mais todo rematou mal cando estalou o glorioso movemento nacional… e chegaron os malos tempos (páx. 175). Os tempos da República aparecen tamén como o paraíso perdido nesta mesma obra nas liñas que dedica á lembranza de Pepe Velo (páxs. 181 e seguintes). Na mesma liña debemos entender o que di neste mesmo relato o personaxe O Pardal: Eu sei da democracia porque vivín nela cando ti nin sequera eras un cágado de persoa (páx. 185).

No poema, xa que logo, aparece doadamente mesturado o tópico literario coa propia vivencia dun eu lírico que a individualiza. O poeta mestura tamén sintagmas e oracións que lle resultan habituais a calquera lector cunha certa formación literaria ou mesmo con coñecementos da literatura popular: No tempo aquil /cando os animais falaban; decir libertá non era triste; ninguén sabía dos aldraxes. Ao seu lado aparecen imaxes visionarias e visións que non son de grande orixinalidade, posto que foron moi reiteradas na historia da poesía: dicir verdá era como un río; decir amor, / decir amigo / era igual que nomear a primavera; decir espada estaba prohibido.

            Mais ao lado destas imaxes e visión manidas, hai outras de grande acerto como as contidas nos versos 10 e 11: os homes cantaban nos solpores / pombas de luz e xílgaros de soños. A pomba reitérase na poesía de Celso Emilio, mais o xílgaro ou o paxariño levan ao lector cunha certa formación a lembrar a cantiga CVI de Afonso X o Sabio, a da passarinna e o monxe que ve o Paraíso. Por outra banda, hai toda unha tradición poética de reiseñores e xílgaros como símbolo da primavera, o amor etc.

Dentro dos acertos está esa imaxe ou mesmo sinécdoque para definir a palabra prisión: …era unha verba / sin senso, un aire que mancaba / o corazón da xente. É a vella idea clásica da palabra como flatus vocis (sopro da voz, vento, aire en definitiva). Na Idade de Ouro era unha palabra que carecía de referente. Existía o son da voz, mais non existía a prisión como referente, como realidade. Só existía como significante e significado na mente, mais non na realidade como referente, que mancaba / o corazón da xente.

Pola súa banda, o poema 4, “Soldado”, é un poema longo de noventa e seis versos, que podemos cualificar como un poema narrativo. O poema vai encabezado por unha cita de W.H.Auden. Para entendermos mellor este poema, cómpre facer unha aclaración sobre este poeta. O poeta W.H. Auden naceu en York en 1907. Tras estudar en Oxford, estableceuse en Estados Unidos a comezos de 1939. Foi unha das grandes voces líricas do século XX. Mais o que aquí nos interesa de Auden é que en xaneiro de 1937 veu a España como membro das Brigadas Internacionais. Estivo só sete semanas na guerra e non participou en combate, senón que foi condutor de ambulancia. Mais, como froito desta estancia na guerra, escribiu o seu poema máis importante de compromiso e acción política de esquerdas, The Spain 1937. É un poema longo composto por vinte e seis estrofas e cento catro versos. Cedeu os dereitos de autor deste poema á asociación Medical Aid for Spain.

Neste poema Auden amósase como un loitador antifascista e no célebre verso 94 deste poema, aínda que era un pacifista convencido, xustifica a guerra defensiva contra o fascismo. Célebres son tamén as súas declaracións sobre a guerra de España en Authors Take Sides: Unha vitoria fascista en España crearía unha atmosfera na que o artista e todo aquel que se preocupa pola xustiza, a liberdade e a cultura atoparía difícil traballar e incluso existir.

O poema de Celso Emilio está formado por 96 versos articulados en tres partes, onde presenta como desenlace a morte do soldado. En definitiva cumpre co que vaticinaba Auden no seu verso 93 de The Spain 1937: Hoxe o incremento deliberado nas probabilidades de morte.

Na primeira parte, o lector intuitiva e connotativamente identifica o soldado mozo como membro do exército franquista. Os que mobilizan o soldado, contra a súa vontade, os que o levan á guerra desde un mundo de colleitas (verso 2), segadores (verso 3) de cantos na serán, o comenzo/ do solpor, cando a noite empeza a ser mociña (versos 3-4) son os que manexan termos honorábeles (verso 5), palabras encheitas de solemne soberbia (verso 6), aquelados de estupida suficiencia (verso 6), porque os seus devanceiros chegaron a señores (verso 9) ou que falaban sen parar do estado soberano, / das sacras instituciós, do orde, da groria (versos 11-12) son os golpistas de Franco. O lector ten esa intuición porque no poema Celso Emilio introduce os termos antipoéticos da retórica franquista como estado soberno, sacras institucións etc. Parece que estamos a oír unha proclama radiofónica desde Salamanca, Burgos ou Sevilla ou das que facía Filgueira Valverde desde raido Pontevedra ou mesmo un artigo dos círculos de propaganda de Ridruejo, Torrente Ballester ou Cunqueiro. En antítese, fronte a esta retórica baleira do franquismo, aparece o mundo natural do soldado que vén do mundo das colleitas, dos segadores, do solpor cando a noite empeza a ser mociña (esta da noite é unha moi boa imaxe creacionista ou hilozoísta) ou que é quen  de dominar a sabencia dos bosques ou interpretar o profundo vento que xeme na noite. Fronte a esta sabedoría popular e labrega érguense as palabras baleiras, mais sonoras dos sublevados. A parodia da retórica franquista é un logro, así como a súa antítese co mundo natural de onde procede o soldado á forza.

A segunda parte do poema, presenta a propia guerra cunha fonoestilística adecuada a ela, pois é rumor de treboada, bruído de río enrabexado ou rouco balbordo. Mesmo non falta o tremendismo: Queimada carne, pernas, pés, ferraduras… / Un touro axexante, coma un Minotauro perdido / nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos… Neste intre cómpre sinalar que a primeira edición deste poema é do ano 1960 e publicouse no número de abril da revista de Camilo José Cela Papeles de Son Armadáns, como homenaxe a Picasso. Evidentemente, detrás desta visión da guerra está o célebre cadro Gernika.

Na terceira e derradeira parte do poema cúmprese a morte do soldado. Na noite estrelecida (que nos lembra a Cabanillas, mais sen a gloria nin o mito de Cabanillas) aparece o soldado morto. O rexistro burocrático militar e ata a xerga deste medio irrompe co seu prosaísmo e produce un tremor afectivo no lector: Un bisoño decúbito / miraba para o ceo despiadado. Nos versos seguintes o ton coloquial e a ironía combínanse co mito do rapaz que levaba o mundo labrego do bosque, da natureza e do vento dentro del: O fillo da súa nai estaba morto,/ groriosamente morto sobre un charco. / Tiña nos ollos vento…

Se nos achegamos á Fotobiografía xa tantas veces citadas aquí de Celso Emilio, ás declaracións que lle fai a Freixanes en Unha ducia de galegos ou ás que escolma Ramón Nicolás en Conversas con Celso Emilio Ferreiro (Xerais) podemos ver cómo a guerra foi unha experiencia tremenda para Celso Emilio. O militante das Mocidades Galeguistas é mobilizado no exército dos sublevados e combate en Asturias no bando contrario á súa ideoloxía: Eso sella a un pra toda a vida. E máis unha guerra civil… Eso influíu totalmente na miña vida e na miña obra. E aínda engade: No bando franquista estivemos miles de mozos á forza e non se falou de nós que tivemos que estar loitando ó pé de quen non estábamos ideoloxicamente (Conversas con Celso Emilio Ferreiro, páx. 23).

Seguiremos de cando en vez comentando a obra de Celso Emilio, porque a mellor homenaxe que lle podemos facer a un autor é ler a súa obra e espallala entre o alumnado, así como na sociedade. Nisto consiste a verdadeira celebración do ano Celso Emilio e non neses congresos tipo Consello da Cultura e similares onde os todólogos/omniólogos de sempre completan ingresos co que pagan pola charliña. Eses cartos debían destinarse a mercar edicións de Celso Emilio así como outros materiais sobre a obra do autor e espallalos polas bibliotecas dos colexios e mais polas públicas municipais e doutras institucións. Non viría mal tamén que a Inspección Educativa e os Centros de Profesores promovesen actividades didácticas para espallar a obra de Celso Emilio nos centros de ensino.