Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro en Pontevedra a través dunha exposición interactiva
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro en Pontevedra a través dunha exposición itinerante que estará desde hoxe e ata o 11 de maio na biblioteca nodal da cidade. Para poñer en valor a vida e a obra do poeta e favorecer un maior coñecemento delas entre a cidadanía, a mostra baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro.
Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.
Esta mostra itinerante que promove Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, enmárcase nas actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.
A itinerancia da mostra iniciou o pasado mes de marzo na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e continuou na biblioteca nodal de Lugo. Logo do seu paso pola biblioteca de Pontevedra, onde permanecerá ata o 11 de maio, a mostra poderá visitarse na biblioteca González Garcés da Coruña entre o 14 e o 25 de maio, na Casa da Xuventude de Ourense entre o 28 de maio e o 8 de xuño e na biblioteca nodal de Vigo desde o 11 ata o 28 de xuño. Despois do verán, a mostra iniciará un percorrido ata final de ano que a levará por diversos centros educativos das catro provincias galegas