PRESENTACIÓN DO LIBRO “CARTAFOL DE SOÑOS”, HOMENAXE A CELSO E. FERREIRO NO SEU CENTENARIO (1912-2012)

Aug 29, 2012 editor de CEF novas

A Asociación Alexandre Bóveda informa que o vindeiro venres 21 de setembro terá lugar a presentación do libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012).No libro participaron os seguintes autores: Isaac Alonso Estraviz, Xosé Mª. Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Anxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer, Alberte Suras e Luz Pozo Garza. Xunto coa colaboración gráficas de Felipe Senén.
Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada aberta.

Cartafol de soños (Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario) pretende ser unha humilde homenaxe de trece galegos que tiveron a honra e a fortuna de coñecer a Celso Emilio Ferreiro. A súa vida foi extraordinaria, chea de feitos e matices verosímiles e inverosímiles, pero tamén cunha abondosa dose de incomprensión e aldraxe. Celso Emilio nunca renunciou ao seu xeito de pensar. Era un home de conviccións políticas moi simples e que sempre as manifestaba dun xeito indubidable: “Estou contra a inxustiza, estou pola liberdade, estou en contra da explotación do home polo home e estou a favor de Galicia”. Estas conviccións eran o seu fundamento literario e poético. A poesía era para Celso Emilio una necesidade vital. A súa mensaxe de verdade, esperanza e loita permanece, aínda hoxe, plenamente vixente: “Non importa agardarei polo albor do novo día”. Os poemas que atoparedes nesta obra son froito da fermosa inspiración de cada un dos autores, pero tendo sempre presente a lembranza, o exemplo e as verbas do poeta de Celanova.

Artigos relacionados


Celso Emilio en Ribadeo
Cando Castrelo de Miño protestou na voz de Celso Emilio
O centenario de Celso Emilio reclama a súa condición de poeta popular