Celso Emilio Ferreiro, protagonista dunha unidade didáctica dixital para rapaces de primaria e secundaria
Código Cero 2-10-2012. Fernando Sarasqueta
As homenaxes feitas ao longo deste ano a Celso Emilio Ferreiro con motivo do centenario do seu nacemento teñen un claro elemento común na súa vertente dixital. Non abondou que se falase del ás novas xeracións: había que facelo nunha linguaxe que coñecen ben e que lles interesa, a linguaxe das novas tecnoloxías da información. E estivo ben que así fose. Con todo, as actividades non cesaron aínda. Esta semana, da man de Ouvirmos, soubemos do desenvolvemento e aplicación dun novo recurso de índole tecnolóxica. Falamos da unidade didáctica sobre Celso Emilio que a devandita empresa vén de preparar para o Proxecto Abalar da Consellería de Cultura e Educación, que, lembremos, é a iniciativa da Xunta para impulsar a dixitalización das nosas aulas.
Segundo informa Ouvirmos, a unidade didáctica dixital permitiralle ao alumnado de primaria e secundaria descubrir, a través de xogos, a obra e a vida do autor de Longa Noite de Pedra. Este recurso, dividido en dous niveis de dificultade para primaria e para secundaria, repasa a vida e obra do escritor celanovés a través de seis etapas vitais diferentes, con textos descritivos e propostas de actividades lúdicas interactivas que introducen o alumnado na súa creación poética.
Segundo engaden os responsábeis desta proposta, a unidade é esencialmente unha serie de xogos, só que co engadido extra, moi a ter en conta, de estar ao servizo de promover o coñecemento da nosa cultura nas novas xeracións (a través da figura de Celso Emilio). Polo tanto, hai diferentes retos que superar (dameiros, chuvias de palabras e enquisas) e a posibilidade de irmos sumando puntuación co obxectivo de darnos máis azos para superar novas probas. No desenvolvemento destas actividades os participantes acceden a fotografías do autor, os seus textos orixinais e mesmo á voz de Celso Emilio recitando os seus propios poemas da súa autoría.
Esta unidade didáctica, dispoñíbel dende esta fin de semana, compleméntase coa posta en marcha, este luns e visitando os centros educativos da nosa xeografía, da instalación multimedia sobre o escritor da que temos falado en Código Cero, até o de agora nas bibliotecas pero a partir de xa nos centros escolares. A xira comeza no IES Rodolfo Ucha de Ferrol.
Optimizada para o Abalar
A unidade didáctica de Celso Emilio Ferreiro é unha aplicación web deseñada e optimizada para os ultra-portátiles do proxecto Abalar. Foi desenvolvida con JavaScript e HTML5, atendendo as recomendacións da W3C e con obxectos como canvas e audio para a creación das animacións e transicións, que permiten tamén a reprodución de son sen necesidade de utilizar complementos, reprodutores nin plugins.