Sabedoría, rigor e amenidade: «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», de Ramón Nicolás. Crítica de Vicente Araguas
Blog Xerais 8-10-2012
Vicente Araguas publicou unha recensión crítica do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e La Región.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio de vagar
Lin con pracer e agradecemento (a Celso por ter existido e dar pé a esta biografía, a Ramón Nicolás por tela acometido) a viaxe exhaustiva pola vida e obra de CEF que fai o profesor e crítico vigués en Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Edicións Xerais, Vigo, 2012). ¿Exhaustiva? Un dicir, claro, porque por monumental que fose o esforzo de Nicolás, coidando na proximidade temporal na que se atopa o poeta de Celanova, tamén de que aínda bulimos moitos dos que o trataran (do que testemuña este volume, tan vivo e directo que dá xenio lelo e sentilo), a obxectividade total, máis a inclusión de aspectos que poideran resultar especialmente conflictivos, non semellan doadas de momento. Terán de pasar ben de anos para que isto aconteza, sendo no interín esta a primeira biografía “definitiva” (e “autorizada”, pola familia, xa se entende) do autor de Longa noite de pedra.
Así as cousas debo engadir que nestas seiscentas páxinas, que lin en tres sesións, desde o interese e a paixón, xorde a historia dun home que, como tantos outros, tivo a desgraza de que a Guerra Civil esnaquizase a súa vida poñéndoo no disparadeiro de ter que optar polo bando que non era. Que non era o seu, véxase a actitude “arredista” de CEF antes do conflicto bélico, forzando ao poeta a unha posición ben fráxil, mesmo incluíndo o famoso poema (que publicara “El Compostelano”, novembro de 1937) que se cadra servira para pagar certas peaxes que evitasen percorridos mesmo letais.
Así e todo parte dunha traxectoria de home de moitas pezas ou aristas, que é o que humaniza moitísimo a un personaxe, mito desde a primeira edición bilingüe de Longa noite de pedra, a que rolou cal a “rolling stone” dylaniano non soamente por Galicia senón polas “Espafias” dun dos máis coñecidos poemas de Celso. Un acerto grande desta biografía, abondo coral nun coro ben concertado e dirixido por Ramón Nicolás, é a combinación de voces. A do biógrafo que conta a historia de xeito neutral. A do autor que se implica, belixerante, de tendencia, cal como quería Celso para a súa poética. A do propio Ferreiro, empregada dun xeito moi natural, allea a toda impostación. Eis un valor engadido a canto aquí se nos conta e valora. A historia dun home ao que lle tocara vivir a beira histórica máis dura contada, definitivamente, noutra lingua. E que el soubo interpretar en clave lírica, mais, cabe dicir, desde un concepto épico.
A Ramón Nicolás, traballador incansable e teimoso, tocoulle desta volta poñer música a tan complexo argumento. O que fixo con sabedoría, rigor e amenidade. Tardará moito tempo, xa se dixo, en aparecer outra biografía “total” deste grandísimo (porque foi quen de vencellar calidade e claridade) poeta. E cando saia vai ter que beber pero que moito no libro de Ramón Nicolás. Un “must” neste país que se move entre a haxiografía e o ninguneo.
Nicolás, lástima fora, está a prol de CEF, un dos seus “fraquinhos”. Mais desde a categoría. O que non exclúe o sal e a pementa anecdóticos que salfiren o seu relato. Que iso é tamén este exemplar volume.