Blog Xerais 8-10-2012

Vicente Araguas
 publicou unha recensión crítica do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa  e La Región.

 

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio de vagar

Lin con pracer e agradecemento (a Celso por ter existido e dar pé a esta biografía, a Ramón Nicolás por tela acometido) a viaxe exhaustiva pola vida e obra de CEF que fai o profesor e crítico vigués en Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Edicións Xerais, Vigo, 2012). ¿Exhaustiva? Un dicir, claro, porque por monumental que fose o esforzo de Nicolás, coidando na proximidade temporal na que se atopa o poeta de Celanova, tamén de que aínda bulimos moitos dos que o trataran (do que testemuña este volume, tan vivo e directo que dá xenio lelo e sentilo), a obxectividade total, máis a inclusión de aspectos que poideran resultar especialmente conflictivos, non semellan doadas de momento. Terán de pasar ben de anos para que isto aconteza, sendo no interín esta a primeira biografía “definitiva” (e “autorizada”, pola familia, xa se entende) do autor de Longa noite de pedra.

Así as cousas debo engadir que nestas seiscentas páxinas, que lin en tres sesións, desde o interese e a paixón, xorde a historia dun home que, como tantos outros, tivo a desgraza de que a Guerra Civil esnaquizase a súa vida poñéndoo no disparadeiro de ter que optar polo bando que non era. Que non era o seu, véxase a actitude “arredista” de CEF antes do conflicto bélico, forzando ao poeta a unha posición ben fráxil, mesmo incluíndo o famoso poema (que publicara “El Compostelano”, novembro de 1937) que se cadra servira para pagar certas peaxes que evitasen percorridos mesmo letais.

Así e todo parte dunha traxectoria de home de moitas pezas ou aristas, que é o que humaniza moitísimo a un personaxe, mito desde a primeira edición bilingüe de Longa noite de pedra, a que rolou cal a “rolling stone” dylaniano non soamente por Galicia senón polas “Espafias” dun dos máis coñecidos poemas de Celso. Un acerto grande desta biografía, abondo coral nun coro ben concertado e dirixido por Ramón Nicolás, é a combinación de voces. A do biógrafo que conta a historia de xeito neutral. A do autor que se implica, belixerante, de tendencia, cal como quería Celso para a súa poética. A do propio Ferreiro, empregada dun xeito moi natural, allea a toda impostación. Eis un valor engadido a canto aquí se nos conta e valora. A historia dun home ao que lle tocara vivir a beira histórica máis dura contada, definitivamente, noutra lingua. E que el soubo interpretar en clave lírica, mais, cabe dicir, desde un concepto épico.

A Ramón Nicolás, traballador incansable e teimoso, tocoulle desta volta poñer música a tan complexo argumento. O que fixo con sabedoría, rigor e amenidade. Tardará moito tempo, xa se dixo, en aparecer outra biografía “total” deste grandísimo (porque foi quen de vencellar calidade e claridade) poeta. E cando saia vai ter que beber pero que moito no libro de Ramón Nicolás. Un “must” neste país que se move entre a haxiografía e o ninguneo.

Nicolás, lástima fora, está a prol de CEF, un dos seus “fraquinhos”. Mais desde a categoría. O que non exclúe o sal e a pementa anecdóticos que salfiren o seu relato. Que iso é tamén este exemplar volume.

Vicente Araguas

 

Diario de Ferrol, 5-10-2012

El Ateneo Ferrolán tiene el calendario completo de actividades para el último trimestre del año. Se reanudarán iniciativas suspendidas por las obras de la sede o que tuvieron que desplazarse a otras ubicaciones y se recupera el espacio expositivo. La entidad, que ayer celebró una asamblea general extraordinaria para informar a los socios de la situación actual y los planes futuros, espera poden ocupar en breve su sede.

El Ateneo Ferrolán recuerda  a Celso Emilio Ferreiro en el año del centenario de su nacimiento. Lo hará con una exposición, abierta entre el 12 de noviembre y el 22 del mismo mes, así como con un acto poético (el 15) y una mesa redonda dedicada a este poeta crucial de la literatura gallega.

Código Cero 2-10-2012. Fernando Sarasqueta

As homenaxes feitas ao longo deste ano a Celso Emilio Ferreiro con motivo do centenario do seu nacemento teñen un claro elemento común na súa vertente dixital. Non abondou que se falase del ás novas xeracións: había que facelo nunha linguaxe que coñecen ben e que lles interesa, a linguaxe das novas tecnoloxías da información. E estivo ben que así fose. Con todo, as actividades non cesaron aínda. Esta semana, da man de Ouvirmos, soubemos do desenvolvemento e aplicación dun novo recurso de índole tecnolóxica. Falamos da unidade didáctica sobre Celso Emilio que a devandita empresa vén de preparar para o Proxecto Abalar da Consellería de Cultura e Educación, que, lembremos, é a iniciativa da Xunta para impulsar a dixitalización das nosas aulas.

Segundo informa Ouvirmos, a unidade didáctica dixital permitiralle ao alumnado de primaria e secundaria descubrir, a través de xogos, a obra e a vida do autor de Longa Noite de Pedra. Este recurso, dividido en dous niveis de dificultade para primaria e para secundaria, repasa a vida e obra do escritor celanovés a través de seis etapas vitais diferentes, con textos descritivos e propostas de actividades lúdicas interactivas que introducen o alumnado na súa creación poética.

Segundo engaden os responsábeis desta proposta, a unidade é esencialmente unha serie de xogos, só que co engadido extra, moi a ter en conta, de estar ao servizo de promover o coñecemento da nosa cultura nas novas xeracións (a través da figura de Celso Emilio). Polo tanto, hai diferentes retos que superar (dameiros, chuvias de palabras e enquisas) e a posibilidade de irmos sumando puntuación co obxectivo de darnos máis azos para superar novas probas. No desenvolvemento destas actividades os participantes acceden a fotografías do autor, os seus textos orixinais e mesmo á voz de Celso Emilio recitando os seus propios poemas da súa autoría.

Esta unidade didáctica, dispoñíbel dende esta fin de semana, compleméntase coa posta en marcha, este luns e visitando os centros educativos da nosa xeografía, da instalación multimedia sobre o escritor da que temos falado en Código Cero, até o de agora nas bibliotecas pero a partir de xa nos centros escolares. A xira comeza no IES Rodolfo Ucha de Ferrol.

Optimizada para o Abalar

A unidade didáctica de Celso Emilio Ferreiro é unha aplicación web deseñada e optimizada para os ultra-portátiles do proxecto Abalar. Foi desenvolvida con JavaScript e HTML5, atendendo as recomendacións da W3C e con obxectos como canvas e audio para a creación das animacións e transicións, que permiten tamén a reprodución de son sen necesidade de utilizar complementos, reprodutores nin plugins.

 

 

02-10-2012

Entrevista co profesor Ramón Nicolás no programa da TVG, Zigzag Diario.

“Onde o mundo se chama Celso Emilio”

Atlántico Diario 29-09-2012

Onte, Ramón Nicolás presentou o seu libro nun emotivo acto na galería JT Photogallery, en Abelereira Menéndez. Labregos do Tempo dos Sputniks amosaron a musicalidade dos versos de Celso Emilio. Os seus fillos tamén deron testemuña: Luis, falando do seu pai e Isabel recitando algúns dos seus poemas.

Máis de 600 páxinas dun achegamento á figura de Celso Emilio Ferreiro tanto dende o punto de vista persoal coma literario son o resultado de anos de investigación e estudo que convirten por dereito propio ao seu autor Ramón Nicolás no biógrafo do de Celanova: ‘Sei que fixen un contrato de por vida con Celso Emilio e que dende agora a miña actividade vai estar vencellada a el, o que para min supón un orgullo’, recoñece o filólogo vigués, quen descarta que a súa sexa a definitiva: ‘É unha obra aberta e colectiva porque a conforman moitas voces que falan de Celso Emilio, a miña só pon orde’.
Para Nicolás, non houbo espazo para analizar polo miudo as súas colaboracións xornalísticas, a producción poética perante a guerra ou textos como o libro de poemas nos que traballaba cando morreu ou o seu caderno de pensamentos: ‘Só puiden aludir a eles nun pé de páxina, pero son aspectos pendentes, polo que a miña aportación é un paso máis no coñecemento desde autor’.

A publicación de ‘Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro’ coincide conscientemente coa celebración do centenario do seu nacimento e co 50 aniversario da edición de ‘Longa noite de pedra’, o seu poemario máis coñecido.
‘Non pretendo facerlle xustiza, vénselle facendo dende hai anos, xa que é un dos poetas máis lidos das letras galegas; é unha das grandes figuras do século XX e xa se considera un auténtico clásico’. Despois de anos adicados ao seu estudo, destaca de Celso Emilio o ‘seu perfil vitalista, a súa alegría de vivir, o enorme sentido que tiña da fidelidade e a súa convicción, pero tamén a súa humildade’. A súa importancia no mundo das letras, dende unha producción reivindicativa, pero tamén dende versos amorosos, queda para Nicolás demostrada día tras día ‘en como o descubre o alumnado de hoxe e segue atopándoo de actualidade’.