“100% CEF” de Aser Álvarez, premiado no Festival IFFEST Document de Bucarest
30-09-2013
O documental “100% CEF (Celso Emilio Ferreiro)”, dirixido polo autor celanovense Aser Álvarez, foi galardoado este derradeiro fin de semana co Premio Especial do Xurado da vixésima edición do Festival IFFEST Document, en Bucarest, que tivo lugar os días 26,27 e 28 de Setembro. O propio Aser Álvarez, director e guionista deste documental, que competiu con outros vinte títulos de todo o mundo, e o axudante de dirección Plácido Romeu, profesor en Celanova, recolleron o premio na gala de clausura.
O documental sobre Celso Emilio Ferreiro obtivo esta distinción logo da súa proxección no Instituto Cervantes de Bucarest.
Na realización deste documental interviñeron unhas cen persoas, entre elas moitos dos familiares do poeta, amigos, artistas, músicos e intelectuais contemporáneos. A cinta, que foi premiada en Galicia co Premio Mestre Mateo 2013 á mellor documental e tamén co premio Xosé Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense, ofrece así unha ampla visión da personalidade e obra do escritor e político galego.