Celso Emilio, Comunicado do Padroado da FUNCEF
25-11-2018
Acta que recolle os acordos tomados na reunión do Padroado da FUNCEF, celebrada na cidade de Vigo o día 17 de novembro de 2018
En Vigo a dezasete de novembro de 2018, reunido o Padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro en xuntanza extraordinaria e como único punto do día a tratar o seguinte:
– II Edición do premio de poemas musicados Celso Emilio Ferreiro, valoración de incidencias e do comunicado emitido pola Fundación o catro de novembro a través da súa páxina web, onde se decretaba a suspensión da convocatoria e do proceso debido á pouca participación.
O Padroado decide, tendo en conta o malestar causado por esta decisión, e atendendo ás persoas ou colectivos que se sentiron prexudicados polos consecuencias da devandita suspensión, o seguinte:
1º- Asumimos como defecto propio da Fundación a escasa difusión pública da convocatoria o que motivou a baixa participación.
2º- Lamentamos a precipitación na decisión de suspensión, resolución que se adoptou sen ter en consideración o procedemento prefixado nas bases. Por este motivo, e segundo dispoñen as bases publicadas que rexen esta convocatoria, deberá ser o xurado nomeado ao efecto quen tome as decisións oportunas no referente á calidade e pertinencia das candidaturas presentadas.
3º- Declaramos publicamente que se retoman os prazos expresados na convocatoria. En consecuencia, anulamos a suspensión anunciada e o veredicto do xurado darase a coñecer o día 4 de xaneiro de 2019 con motivo do aniversario do nacemento do poeta a través da páxina web www.celsoemilioferreiro.org.
4º- Expresamos publicamente a nosa gratitude e respecto polo traballo artístico desinteresado que realizaron persoas e colectivos que presentaron os seus proxectos a esta II edición do certame.
5º-Asi mesmo, consideramos preciso lembrar que o concurso de poemas musicados é un proxecto da FUNCEF que conta cunha dotación económica sostida unicamente con fondos propios. Trátase dunha iniciativa privada, que non conta con ningún tipo de subvención e na que o xurado colabora de xeito completamente desinteresado. Un proxecto que nace para recoñecer o inestimable valor da creación musical na difusión da obra de Celso Emilio.
Por último agradecemos a todas as persoas implicadas na organización, nomeadamente ao Director da FUNCEF, o tempo e ilusión investidos en sacar adiante este proxecto.
Raquel Ferreiro Llatas
Presidenta do Xurado do II Premio de poemas musicados Celso Emilio Ferreiro