A Universidade Internacional Menéndez Pelayo lembra a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario
Reivindicar a figura humana e a obra literaria de Celso Emilio Ferreiro, un dos escritores máis destacados da literatura galega contemporánea e un dos poetas sociais máis relevantes das letras hispánicas. Este é o principal obxectivo do curso titulado: “Celso Emilio Ferreiro (1912-2012). Ética e poética”, que se vai celebrar durante os días 16, 17 e 18 de xullo no Mosteiro de Celanova. O encontro está organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) baixo a dirección de José María Paz Gago, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña.
Recital “Onde o mundo se chama Celanova”
O curso contará con relatores como Xesús Alonso Montero, Ramón Nicolás, Alfredo Conde ou Ramón Pernas, entre outros. Un dos pratos fortes do programa é o recital lírico titulado “Onde o mundo se chama Celanova”, que se vai celebrar o día 16 de xullo tamén no Mosteiro da localidade. O recital será ofrecido pola compañía lírica Ofelia Nieto, que actuará baixo a dirección artística do barítono Antón de Santiago. Participarán tamén a soprano Patricia Morchón e o grupo instrumental Cítola, que intepretarán poemas musicados de escritores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán-Vello e o propio Celso Emilio Ferreiro.