Presentación de “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” de Ramón Nicolás en Vigo
24-9-2012
O vindeiro venres, 28 de setembro, ás 20:00 horas, na JT Photogallery, rúa Abeleira Menéndez, 13 de Vigo, vai ter lugar a primeira presentación pública do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto participarán Luis Ferreiro, Isabel Ferreiro, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.
Ao remate das palabras, intervirán Labregos do tempo dos Sputniks que cantarán poemas de Celso Emilio Ferreiro.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro é unha biografía monumental, un libro que realiza un percorrido vital pola traxectoria persoal e literaria dun autor de referencia da literatura galega e que ve a luz cando se celebra o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro
Esta biografía escrita por Ramón Nicolás, que viña transitando polos ecos e as pegadas do universo Celso Emilio Ferreiro desde hai anos, benefíciase da consulta de milleiros de documentos escritos e testemuños orais, dándolle forma a un relato no que se percibe o alento de moitas das persoas que o coñeceron. Ademais, a biografía integra o máis salientable dun epistolario riquísimo, polo que non se detén unicamente na esculca da faceta persoal de Celso Emilio, senón que establece un diálogo da parte máis íntima da súa vida coa fecunda actividade literaria, cultural e política que o caracterizou.
O asedio á personalidade e mais ao herdo que Celso Emilio Ferreiro deixou, desde os días luminosos da infancia celanovesa ata os derradeiros momentos da súa vida en Vigo, constitúen o alicerce e sentido final desta voluminosa biografía, concibida, en palabras do seu autor, «coa vontade de sumar para que ese lume que alampea xamais o vexamos morto».
Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é profesor de Lingua e Literatura Galegas. Dirixe a colección BLG de Xerais e exerce a crítica literaria semanalmente no suplemento Culturas de La Voz de Galicia, nas revistas Biblos, Qué leer e desde o seu blogue cadernodacrítica.blogaliza.com. Recibiu varios galardóns en virtude do seu traballo como crítico literario e é patrono da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Publicou O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro (1992), Diccionario dos verbos galegos (1992), Entrevistas a Álvaro Cunqueiro (1994), Papeis de literatura (dez anos de revisión crítica) (Xerais, 2001, edición dixital 2012), Manuel Lugrís Freire. Vida e obra (Xerais, 2006) e Manuel Lugrís Freire. Biografía e antoloxía (Xerais, 2006). Participou no Diccionario de Literatura Galega (vol. 1, 1995), en Galicia Literatura (vol. 34, 2000) e en Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía sonora (2008).
Coeditou Fírgoas (Xerais, 1992), Manuel Luís Acuña (Xerais, 2000) e Materia prima (Xerais, 2002). Editou unha Antoloxía da poesía galega 1 (2008) e as seguintes obras de Celso Emilio Ferreiro: Poesía galega completa (Xerais, 2004), Semblanzas, crónicas e artigos (Xerais, 2004), Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética (2008); e traduciu ao castelán A taberna do Galo (2010) e Longa noite de pedra (2011) e publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 2009). Ocupouse de Manuel Lueiro Rey en O sol na crista do galo (Xerais, 2005), Derradeira escolma ferida (Xerais, 2003) e O Grove: canción do sal e do vento (Xerais, 2005). Entre outras, traduciu para o galego obras de Bernardo Atxaga, Rosa María Lojo, Mercedes Neuschäfer-Carlón, Jordi Sierra, Jack London, Jan Lööf, António Mota, Jorge Araújo, Reko e Tina Lundán, Leonel Moura ou Chico Buarque.