Adaptación do poema de Celso Emilio Ferreiro para o acto, “Coa poesía de onte defendemos a escola de mañá!” a celebrar no CPI Dr. López Suárez de Friol o 15 de maio de 2012.

No seo dos tradicionais cursos de verán da Universidad Internacional Menéndez Pelayo celebrarase en Celanova, entre os días 16 e 18 de xullo de 2012,  un encontro baixo o título «Celso Emilio Ferreiro (1912-2012). Ética e política».  Velaquí información xeral  sobre o encontro, o programa e mais  quen participará nel.

 

Co gallo do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro e o 50 aniversario da publicación da súa obra “Longa noite de pedra”, a asemblea de Vigo da Liga Estudantil Galega organiza un acto homenaxe sobre o autor e a obra.

Este acto celebrarase o vindeiro luns 7 de maio ás 12:00 no Salón de actos da facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo. Nel, contaremos coa presenza do profesor Manuel Forcadela e a continuación, María Lado e Lucía Aldao realizarán unha actuación-recital.

 
Creo que os homes pecan sete veces, 
por sete veces sete cada día, 
creo na xeometría, 
creo no átomo tan pequeniño, 
pero que haxa unhos seres 
capaces de leer tranquilamente os xornales 
sin sentir tremer de noxo as vísceras, 
nunca podréi creelo”.
 
Celso Emilio Ferreiro

Antoloxía da obra poética de Celso Emilio Ferreiro con prólogo de Gonzalo Navaza e ilustracións de David Pintor. Unha edición de EDELVIVES onde a ilustración axuda a enxalzar a voz do poeta. Os poemas que se recollen son tirados de: 11 de O soño sulagado, 21 de Longa noite de pedra, 4 de Viaxe ao País dos Ananos, 2 de Antipoemas, 1 de Terra de ningures, 5 de Onde o mundo se chama Celanova, 1 de Cantigas de escarneo e maldecir e 1 de Cimenterio privado.

Afirma Navaza no seu prólogo:

 Longa noite de pedra ábrese cunha cita do italiano Salvatore Qusaimodo: “Ser dun tempo e dunha terra. Eis o segredo da poesía máis humana e verdadeira”. A poesía de Celso Emilio Ferreiro atense a ese principio. Por máis que na súa obra atopemos outros temas e rexistros, foi sobre todo a súa poesía social, nacida do compromiso co seu tempo e a súa terra, a que lle valeu o recoñecemento dos seus contemporáneos

 

 

Organizado polo Club de lectura 5.1. da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, nesta próxima segunda feira (luns) teremos connosco Xosé María Álvarez Cáccamo para falar de Celso Emilio Ferreiro, a súa vida e a súa obra. O título da conferencia-coloquio é: Unha lectura persoal de Celso Emilio Ferreiro.

DÍA: 7 de maio de 2012

HORA: 20.00

LUGAR: Aula Magna da EOI de Vigo, Av. E. Martínez Garrido, 17-36205 , VIGO

            .

 

O número 36 da revista Raigames, que vén de saír á luz, dedícase en exclusiva aos protagonistas literarios deste ano: Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade.

Respecto do autor celanovés colaboran Luís Ferreiro, Francisco López-Barxas, Antonio Piñeiro, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, José Ángel García López e Ramón Nicolás. Pódese descargar premendo aquí e procurando a entrega nº 36, ao final da listaxe.

O profesor Ramón Nicolás disertou o pasado 12 de xaneiro sobre Celso Emilio Ferreiro no Ateneo de Santiago. A súa intervención pódese seguir no seu blogue ou aquí abaixo:

A biblioteca nodal da cidade acollerá ata o 11 de maio unha instalación multimedia con audiovisuais, poemas musicados e obxectos persoais do poeta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro en Pontevedra a través dunha exposición itinerante que estará desde hoxe e ata o 11 de maio na biblioteca nodal da cidade. Para poñer en valor a vida e a obra do poeta e favorecer un maior coñecemento delas entre a cidadanía, a mostra baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro.

Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Esta mostra itinerante que promove Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, enmárcase nas actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

A itinerancia da mostra iniciou o pasado mes de marzo na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e continuou na biblioteca nodal de Lugo. Logo do seu paso pola biblioteca de Pontevedra, onde permanecerá ata o 11 de maio, a mostra poderá visitarse na biblioteca González Garcés da Coruña entre o 14 e o 25 de maio, na Casa da Xuventude de Ourense entre o 28 de maio e o 8 de xuño e na biblioteca nodal de Vigo desde o 11 ata o 28 de xuño. Despois do verán, a mostra iniciará un percorrido ata final de ano que a levará por diversos centros educativos das catro provincias galegas