Listado de la etiqueta: Ouvirmos

O Circo Lírico do País dos Ananos xorde da fusión dun recital poético cun espectáculo circense. Unha pista na que a poesía xera números musicais, monicreques, visións extraordinarias e moito humor, na presenza dun público moi participativo. Dirixido por María Lado abre xa o periódo de contratación.

A velada do Circo Lírico do País dos Ananos presenta música en directo da man do grupo Labregos do tempo dos Sputniks -formado por García de Dios Ke Te Crew, o Leo i Arremecághona, mais Silverio Outeiro ex Xenreira- números de marionetas de fío e sombras chinesas con Borxa Ínsua xunto á voz das poetisas María Lado e Lucía Aldao. Complétase o elenco coa participación dun reducido número de poetas locais, convidados a participar na pista, con textos propios ou alleos, nun arriscado número con feras devoradoras de vates. O público tamén ten moito que dicir, pois, cal circo romano, eles poderán salvar ou pedir a cabeza dos artistas presentes.

Comeza o Ano Celso Emilio Ferreiro!! O 4 de xaneiro de 2012 cumpríronse cen anos do nacemento do grande poeta celanovés.

A primeira iniciativa deste ano centenario é “Cen poemas en Celanova”, unha interesante proposta deseñada por Ouvirmos para o Concello de Celanova, e a Xunta de Galicia. Tomando como base a poesía de Celso Emilio, quere reforzar o vínculo entre o escritor e os habitantes da súa vila natal. Levouse a voz de Celso Emilio á rúa coa selección de cen estrofas de cen dos seus poemas que se exhibirán nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova durante todo o ano 2012.

Deste xeito, calquera persoa, incluso aquelas que non acuden normalmente aos circuitos culturais convencionais, poderán ler a poesía de Celso Emilio.
Os cen poemas son tamén a base dun xogo literario dirixido aos escolares que visitan a Casa dos Poetas de Celanova. O reto que se lles propón é a localización nos escaparates da vila do coñecido poema “Longa noite de Pedra”.

As estrofas deste poema son parte das cen estrofas seleccionadas que estarán nos establecementos de Celanova, e os participantes do xogo terán que atopalas. Contarán cun mapa, a modo de mapa de metro, para guiar o seu percorrido por Celanova, e cando localicen unha das estrofas de “Longa noite de pedra” terán que pedir ao establecemento correspondente que lles sele o mapa, até completar as cinco estrofas do poema.
A proposta “Cen poemas en Celanova” complétase coa edición especial de douscentos libros cun breve resumo da biografía do poeta, fotografías, palabras de Celso Emilio sobre Celanova, os cen poemas seleccionados, a metodoloxía do xogo literario e o plano de situación co nome comercial dos establecementos participantes no proxecto.