O Congreso aproba que o Goberno colabore coas actividades do ano Celso Emilio Ferreiro

Mar 8, 2012 editor de CEF novas

MADRID. EP

A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei do Grupo dos Socialistas para instar ao Goberno a colaborar coas diferentes institucións galegas e coa Fundación Celso Emilio Ferreiro na realización de actividades, exposicións, publicacións e demais accións que se consideren oportunas no marco da conmemoración este 2012 do ano dedicado ao poeta.

A deputada socialista Laura Seara, autora da iniciativa, recordou que este ano 2012, no que se cumpre o centenario do nacemento de Ferreiro, foi declarado unanimemente polo Parlamento de Galicia como “Ano Celso Emilio” e para a súa celebración está prevista a realización de numerosas actividades relacionadas coa figura do escritor.

Na comisión rexistrouse un rifirrafe entre as deputadas ourensanas Laura Seara (PSOE) e Ana Belén Vázquez (PP), xa que a popular descualificou o texto asegurando que parecía escrito por un “adolescente” tras buscar no ‘Canto do Vago e a exsecretaria de Estado replicou acusando o seu colega de “pasarse de lista” e avisándoo de que “a desmemoria é un monstro cargado de ingratitude”.

Así, Laura Seara criticou o intento de confusión realizado pola deputada galega do PP, que negou mesmo que Celso Emilio Ferreiro militase no PSOE. “O escritor ourensano Celso Emilio Ferreiro foi un grande defensor da liberdade e da democracia, cunha dilatada actividade política de compromiso con Galicia, así como un dos grandes poetas da postguerra española”, reivindicou a socialista.

Artigos relacionados


Celso Emilio, poema “Romance incompleto” interpretado polo Grupo BALAKANDRA
Presentación do libro “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” na Feira do Libro da Coruña
Recital poético en Celanova adicado a Celso Emilio