Relendo a Celso Emilio, artigo de Manuel Rodríguez Alonso

Mar 7, 2012 editor de CEF novas

O crítico literario galego Manuel Rodríguez Alonso dedicoulle, até o de agora, no seu blogue Bouvard e Pécuchet, algúns apuntamentos á figura e mais á obra de Celso Emilio Ferreiro. Nesta ocasión reprodúcese abaixo o texto crítico que ofreceu arredor do poema “O edificio”, que bautiza como “Un poema de quita e pon”, afondando en cuestións de carácter ecdótico e valorativo, alén de engadir outras reflexións de estimable interese.

Se examinamos as edicións de Longa noite de pedra veremos que o que aparece como poema 5 na edición de Galaxia de 1962 ou na edición crítica de Longa noite debida a Gonzalo Navaza (Xerais) e tamén na edición da poesía completa en galego de Ramón Nicolás non figura nas edicións de El Bardo, onde se substitúe polo poema “Spiritual”. Na edición da obra completa publicada por Akal, no tomo I, tampouco aparece o poema “O edificio”.

O certo é que na primeira edición, na de Galaxia de Salnés, de 1962, si aparece “O edificio” e non aparece “Spiritual”. A primeira edición que recupera “O edificio” é a de Edicións Castrelos de 1975, debida a Álvarez Cáccamo. Nas edicións que hoxe manexamos habitualmente (as de Navaza e Nicolás, en Xerais) aparece como poema 5 “O edificio” e como poema 6 “Spiritual”.

Grazas ás investigacións de Xosé Manuel Dasilva sobre a censura franquista e a súa incidencia na literatura galega temos o xuízo que á censura lle mereceu a edición de Galaxia de Longa noite de pedra: Colección de poesías gallegas de tono lírico en que el autor se proyecta sobre las cosas que le rodean con la fina ironía a que se presta la lengua vernácula (Grial, n.º 192).

Na correspondencia entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada (editada por Galaxia) temos a explicación da desaparición de “O edificio” na segunda edición de Longa noite de pedra, é dicir, na edición bilingüe de El Bardo, de 1967. En carta do 14-V-1967, que Basilio Losada dirixe a Ramón Piñeiro, lemos o seguinte: O libro de Celso Emilio prohibiuno a censura. Batlló presentouno a consulta previa contra a miña opinión (eu decíalle que por tratarse dunha segunda edición non sería necesario), e recomendáronlle que non o poña á venda, e que quite uns párrafos meus do limiar, o poema “Fuco Buxán” que incluín tamén no limiar, e o poema “O edificio” do testo. Agora, cando xa estaba feita a tirada i encoadernados os exemplares, ha que refacelo todo (páx. 589).

Cómpre sinalar que a censura franquista ata 1966 estaba regulada por un decreto asinado por Serrano Súñer en Burgos en 1938 que entre outras cousas establecía que toda publicación debía ser aprobada pola censura. En 1966 apareceu a chamada Ley Fraga, de prensa. O editor podía publicar sen pasar o texto pola censura, mais se os censores de Información e Turismo consideraban que a obra atentaba contra os Principios del Movimiento, a relixión católica ou contra calquera das ideas ou autoridades do franquismo podía ser secuestrada a obra (co prexuízo que iso supuña para a economía da empresa editorial), recibir multas, suspensións e ata penas de cárcere. A editorial que non quería estar coa incerteza de se sería sancionada podía, voluntariamente, presentar a obra á censura previa. Iso foi o que fixo o editor Batlló, como ben relata Basilio Losada. Cómpre reparar en que a censura de 1967 foi con Longa noite de pedra máis dura ca a de 1962.

É necesario lembrar que o responsable da censura daquela era o presidente de honra do PP, Manuel Fraga Iribarne, que hoxe anda a recibir por aí homenaxes, mesmo dalgúns que se din galeguistas e ata creo que hai algún membro do Consello da Cultura que forma parte da Fundación Fraga. Non resulta menos sorprendente que os que prohibían antes Celso Emilio se dediquen agora a facerlle homenaxes, pois non hai que esquecer que o actual ano Celso Emilio é unha proposta do PP. Mais calquera sabe que o poder, baseándose na eliminación da memoria histórica, mesmo se apodera de figuras, mitos e mesmo ideas do progresismo, aínda que desactivándoas e descafeinándoas, converténdoas en puros ritos culturais baleiros, que mais pertencen ao eido do márketing cultural-político ca a verdadeira cultura, que sempre ha de ser crítica e basearse na memoria histórica.

Fronte a esta recuperación interesada quedan no esquecemento os verdadeiros axentes culturais progresistas. Tal é o caso de José Batlló, o editor, do que falabamos na primeira entrega sobre Celso Emilio. Hoxe engadiremos algo máis sobre el.

Xa vimos o papel que como editor tivo Batlló. Mais tamén foi o creador dunha revista cultural-literaria fundamental no tardofranquismo: Camp de l´arpa. Batlló comezou a editar en abril de 1972 Camp de l´arpa como revista de información e crítica literaria. Estaba dirixida por un histórico dos tempos da República, Juan Ramón Masoliver. Puxéronlle Camp de l´arpa porque este era o nome dun barrio periférico da Barcelona daquela, onde convivían inmigrantes de todas as zonas de España. A revista tentaba presentar o canon hispánico do presente, non só con presenza da literatura en lingua castelá, senón tamén en galego ou catalán. A revista, tras pasar a ser dirixida por Vázquez Montalbán, desapareceu en 1982. O número 75, de maio de 1980, dedicouse á Literatura gallega contemporánea 1939-1979.

Volvendo ao poema “O edificio”, paradoxalmente a censura foi máis dura en 1967 ca en 1962. Sen dúbida, a censura era máis ríxida porque o poemario xa non só ía destinado a Galicia, senón que o castelán lle daba unha difusión moito maior. Por outra banda, no 67, arreciaban as críticas contra o franquismo tras as folgas do 62 ou o célebre Contubernio de Múnic tamén do 62. Nos anos que van do 62 ao 67 consolídarse os Día das Letras, agromaban as sociedades culturais que tanto fixeron polo galego e Galicia, comezaban as campañas de Fala galego e Galego na escola ou foran fundados o PSG e mais a UPG e ata o PCE asumía en certo xeito o galego. O galeguismo cambiara, para ben, e moito. Xa non se pechaba no estreito marco do culturalismo apolítico. O ano 64 Fraga organizara os actos propagandísticos dos Veinte y cinco años de paz. Aprobárase a famosa Lei de Prensa do 66, mais un cento de escritores e xornalistas asinaban un manifesto contra ela antes de se publicar. Foi o 66 tamén o ano da bomba de Palomares. É o ano en que se presenta a Ley Orgánica. O ano 66 é así mesmo o ano tamén da protesta pola construción do encoro de Castrelo de Miño e o ano da marcha a Venezuela de Celso Emilio. Este ano hai folgas en Asturias, Madrid, o País Vasco, Zaragoza, Cataluña… Nos comezos do 67 un documento asinado por cincocentos intelectuais pide liberdades democráticas. En abril do 67 o Goberno declara o estado de excepción na provincia de Biscaia.

Xa que logo, a censura, malia o suposto aperturismo da Ley Fraga, tentaba defender un franquismo que se notaba cada día máis amezado. Neste ambiente é como hai que entender tamén que fose máis ríxida a censura do 67 ca a do 62.

“O edificio”, volvendo ao poema, ten evidentes acertos. O primeiro, o título. Como ben indica o editor Gonzalo Navaza en nota á súa edición de Xerais podemos entender este Edificio como o símbolo do aparato de poder do franquismo. O primeiro acerto do poeta é que no poema irrompen termos e sintagmas propios da linguaxe político-económica da época: convocatoria urxente, defensa postulados, cotización, finanzas, dividendos… Por outra banda, resulta moi atractiva a visión que abre o poema: Enlixouse a cidá de telegramas. Calquera que teña vivido o franquismo sabe o que significaban estes telegramas que chegan a calquera centro oficial para solicitar adhesiones inquebrantables.

A seguir, o poeta fai aparecer, tras este paso pola burocracia política franquista e o seu rexistro lingüístico, a figura mitolóxica, ese monstruo (verso 6), que como un novo Saturno ou deus cruel necesita devorar seres e novas vítimas para estar tranquilo.

Mais o eu lírico cambia de perspectiva e séntese ironicamente solidario cos servidores dese monstro, dos gardas e defensores do edificio: xa témo-lo argumento / para ofercer aos dioses novas víctimas… (versos 7-8). Fixémonos en que nestes versos se combina a parodia da retórica da linguaxe política (xa témo-lo argumento) coa visión mítica dos dioses que necesitan novas víctimas. De novo aparece a retórica represiva franquista en tres versos dispostos tipograficamente en liña escalonada : pena de morte, / cadea perpetura, / pliego de cargos (versos 11-13).

Os versos 14-18 volven combinar a parodia do rexistro da propaganda e mais do xornalismo franquista coa visión: Postos en pé, a unha, os concentrados, / con coitelos nos ollos, procramaron a lei do embudo cego / cun si en re maior afirmativo. Estes son quen levantan o edificio / a cárcere dos soños / o gran pazo do medo, tres símbolos que podemos entender como alusivos ao aparato represor franquista. E todo iso, coa presenza de a Cariátide xorda presidindo (verso 30), que o editor Gonzalo Navaza cre unha alusión ao xeneral Franco. Todo estaba previsto e había xa desculpa para que volvesen actuar as Euménides (verso 38). Calquera que teña unha certa formación clásica sabe que as Euménides ou Erinias son as divindades da antiga Grecia que perseguen a Orestes para vingar a morte da nai, Clitemnestra, e son o símbolo da vinganza. Atenea decide cambiarlles o nome de Erinias por Euménides, porque esquecían a vinganza cando os cidadáns as satisfacían con sacrificios ou pregarias. Igual lle acontece ao monstruo ou á Cariátide xorda.  O monstruo (verso 6), a Cariátide xorda… (verso 30) estará calmada cando haxa un certo tributo de pena de morte / cadea perpetua / pliego de cargos. Como nos antigos mitos, este monstruo/Cariátide precisa cada pouco de novas víctimas (verso) propiciatorias.

Xa que logo, vemos que no poema de Celso Emilio aparecen elementos míticos como dioses, Cariátide xorda, Euménides, o rexistro burocrático-represivo do franquismo (defensa postulados, pena de morte, cadea perpetua, pliego de cargos) a carón de visións de gran forza emotiva e plástica (Enlixouse a cidá de telegramas. Os concentrados / con coitelos nos ollos) e con símbolos polisémicos de ton negativo (o edificio / a cárcere dos soños / o gran pazo do medo. Así mesmo bota man da alegoría, para dicirnos que nese edificio os fustes son de bágoas e tristuras; a ira serve de material para os capiteles e os arcos están sustentados pola estupidez. Toda esta mestura e riqueza de elementos, sen nomealo, suxire o ambiente de opresión da ditadura de Franco e mesmo o propio ditador simbolizado nese monstruo (verso 6) que abriu a boca (verso 6) porque sempre quere novas víctimas (verso 8). Incluso é a Cariátide xorda que coroa “O edificio” do aparato represor. O censor de 1967 non era parvo e entendeu perfectamente o poema. A mestura do cotián, mesmo dos sintagmas que adoito aparecían na prensa franquista da época dos Vinticinco años de paz, co mítico e helénico así como coas devanditas visións e símbolos converten o poema nunha obra de arte.

Esta interpretación que facemos do poeta, consonte coas pautas para ler o poema que ofrece na súa edición Gonzalo Navaza, é a interpretación de alguén que le o poema desde a experiencia do franquismo. Mais o poema, como é un bo poema, é plurisignificatvo. Un lector que non saiba nada do franquismo pode lelo como unha crítica a calquera ditadra ou mesmo a calquera situación de sometemento. Por que non poden ser o monstruo/a Cariátide xorda os poderes económicos e financeiros que se impoñen hoxe aos poderes democráticos de Europa? Por que non poden ser estes monstruo/Cariátide as verdades que ninguén pode discutir do pensamento único e a socidade á que dá lugar? Xa que logo, o poema devén plurisignificativo.

Mais, como fixemos, no comentario do outro día, o poeta que de xeito tan magnífico nos presenta o aparato do franquismo, tiña que convivir con este mesmo aparato. O aparato cultural do franquismo foi proclive a convocar Xogos florais e concursos de poesía, nos que mesmo admitía o galego. O galego estaba permitido, como xa sabemos, para a lírica intimista e mais para o costumismo. Celso Emilio, pois o escritor ten que acadar visibilidade, participou en galego e castelán nestes concursos. Así, o Concello de Vigo, co gallo das festas do Cristo de 1950 convocou unha Fiesta literaria en que se premiaban, en castelán, a mellor poesía, a mellor monografía en prosa sobre o labor dun intelectual español en Portugal ou as monografías en prosa sobre o tema “Vigo, camino de América” e “Figuras y hechos de Vigo”. Había tamén un premio para a mellor poesía en portugués e mais para a mellor monografía en prosa en portugués tamén sobre o labor dun portugués en España. Para o galego só había un premio e era para a mellor poesía en galego. Reparemos en que o galego non tiña cabida na prosa, aínda que tratase de temas locais como “Vigo, camino de América” e “Figuras y hechos de Vigo”. Creo que a actitude amosada por este premio, en que se exclúe o galego da prosa e só se admite na poesía é moi expresivo do lugar que lle reservaba ao galego o aparato cultural franquista, mesmo o que daquela se chamaba o franquismo aperturista.

Celso Emilio participou neste concurso e gañou, en colaboración con Aquilino Iglesia Alvariño, o terceiro premio de poesía en galego. Na acta da concesión dos premios deste concurso de 1950 pode lerse: mil pesetas al poema “Velas de Son Levadas”, original de D. Aquilino Iglesia Alvariño y D. Celso Emilio Ferreiro, de Pontevedra, lema “Al-Alimón”.

O lector pode consultar completo o documento da acta no recente libro de Armando Requeixo Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista. Como xa dixemos, o documento expresa moi ben cal era a sensibilidade do aparato cultural franquista cara ao galego e ao seu lugar. Parabéns para Requeixo que tivo a sensibilidade de nos ofrecer o documento completo no apéndice do seu libro.

O ano 1963 convócanse uns xogos florais en Ourense, mais neles non se admiten textos en galego. Iso provocou o rexeitamento e a protesta de moitos intelectuais e escritores galegos, como se pode ver na correspondencia cruzada entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada, editada por Galaxia. O gañador deste certame foi Celso Emilio Ferreiro: Enteireime onte da concesión da Frol Natural nos Xogos de Ourense a C.E. Ferreiro. Non dubido de que a ten ben merecida, especialmente visto os nomes cativos que se levaron os premios de consolación. Gustoume que apesares das apetitosas 10.000 pts. non se presentara ningún dos nomes fortes da poesía castelán, nin aínda os nados ou afincados en Galicia –J.A. Valente, por exemplo- e por esto sinto máis que se presentase ao premio C.E. Ferreiro, despois da aldraxe que supón a eliminación conscente e adrede da poesía galega. Súas razós terá e, dende logo, dous mil pesos son dous mil pesos (páx. 248).

Nas biografías ou análises da poesía de Celso Emilio Ferreiro non adoitan aparecer reflectidas estas actividades mercantís do escritor, o que consideramos que é un grave fallo por un desexo totalmente parvo de converter a análise dos escritores nunha sorte de haxiografía. Un escritor é un profesional que tenta vivir do que escribe. Nunha situación coma a do franquismo precisa participar nas actividades que programaban as autoridades culturais daquel tempo escuro. O escritor necesita así mesmo acadar unha visibilidade a través dos medios de comunicación e iso só se podía conseguir participando nos actos culturais oficiais da época. O propio Basilio Losada, que tanto critica a postura de Celso Emilio, tería que xurar como docente daquela a fidelidade aos Principios del Movimiento. Non se lle reprocha a ningún funcionario este xuramento, pois tiña que tratar de cobrar un soldo. Pois o mesmo lles acontece aos escritores. Para vivir da escrita ou mesmo para aparecer nos medios cómpre tragar, comer lume porque como di o clásico primeiro hai que vivir e despois hai que filosofar.

 

Artigos relacionados


Placa conmemorativa na casa natal de Celso Emilio en Celanova
Conferencia de Ramón Nicolás no Clube de Opinión “Portocelo”
O Documental 100% CEF, no Museo Municipal de Lalín