Xente de cor esperanza

Oct 24, 2012 editor de CEF novas

Galicia Dixital, 24-10-2012

Viñen ao val. Baixéi dende a montaña
e a fe que nada novo teño visto:
Soio os teus seos puros, primavera.

Celso Emilio Ferreiro

Volto a Celso Emilio como unha volta máis da vida que procura a pureza limpa das referencias que se fan verbas eternas. Volto unha volta máis e atópome un poeta actual, un gaiteiro do luscofusco para nada trasnoitado. Hoxe Celso Emilio podería volver falar de carneiros conformistas, de pobres de cidade, ou dunha linguaxe proletaria sempre aldraxada. Sería Celso Emilio un bo trobador dese NON que precisamos pronunciar en colectivo contra unha vampirización que nos come a vida.

Certamente é tempo de matar o lobo, de que Prometeo funda as súas cadeas en lumes de irmandade, e certamente é tempo de pensar outro tempo que a poesía de Celso Emilio ten ben soñado. Un tempo de homes rexos, de pensadores en colectivo no que non collen troiteiros nin cagatintas.

Ao voltar a Celso Emilio vexo as claves da ética, do civismo e dunha vida que pode ser de todos e para todos, e póñolle “un so color aos homes, esperanza”, e déixome levar pola certeza de teimar en algo xusto e de sentir o apoio doutros iguais que non queren ser carne de desastre nin man de obra dunha cadea.

Volto a Celso Emilio cabreado, cheo, cansado de teimar e para seguir teimando; porque Celso Emilio é a miña forza, parte do meu xeito de ser, quizais tamén parte da miña razón de ser. Celso Emilio é o meu compás en noites de pedra, o meu guieiro en soños sulagados, o meu compañeiro en terras de ningures. O que me fai cavilar no xusto e pensar que é tempo de pensar outro tempo. E por el sigo soñando ese tempo mellor polos vieiros da vida. Por eses vieiros que tripulamos coma sempre todos os que cremos na liberdade. E por orde do Celso dicimos: NON.

Non, non, diredes arreo
aos que van no seu machiño
cabalgando moi contentos
entre nubes de outimismo.

Iago Santalla 

 

Artigos relacionados


Homenaxe a Celso Emilio na Aula Municipal de Cultura de Betanços
Celso Emilio, O profesor Ramón Nicolás presenta o seu libro “Lapis na Noite” na Feira do Libro
A súa obra, sen parangón, sufriu unha persecución implacable