O profesor Ramón Nicolás ditou unha conferencia sobre Celso Emilio Ferreiro no Ateneo de Santiago.

Foi presentado polo poeta e escritor Salvador García Bodaño e por Pilar Sampedro. Pódese ler a crónica do acto neste artigo de Fran P. Lorenzo publicado en El Correo Gallego do día 18 de xaneiro de 2012:

 

 

Ramón Nicolás, o profesor, crítico literario e blogueiro vigués -mantén na rede o seu Caderno da crítica– anticipou a pasada tarde, nunha concorrida conferencia, convocada polo Ateneo de Santiago, os fitos da biografía que está a ultimar sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro. O traballo publicarase neste 2012, centenario do nacemento do autor de Celanova, o lugar no que vivíu desde o seu nacemento en 1912 até o golpe militar de 1936. Co rigor e atención que adoita nas súas críticas e estudos literarios, Nicolás foi debullando as principais liñas dun percurso vital complexo, que se iniciou no arredismo ou independentismo de preguerra, da man, canda o seu amigo Pepe Velo, das Mocidades Galeguistas. Dese época son textos que Nicolás recupera nos xornais da época e divulga nesta biografía que detalla tamén a titela exercida por un seu irmán nos días de terror que lle seguiron á rebelión franquista e que o autor detalla con profusión de datos.

Reclamado para cumprir co servizo militar en plena guerra, en Oviedo coñece á que será a súa muller, Moraima, momento no que Nicolás sitúa tamén o o estourido do Celso Emilio poeta, que de volta en Pontevedra participa activamente na vida xornalística e editorial da cidade.

Desprazado a Vigo en 1949 iníciase unha outra etapa fecunda na que CEF escribe a que é para o biógrafo a súa gran obra, O soño sulagado: “aí está todo Celso Emilio”, asegura. O seu papel na fundación da UPG, a publicación en 1962 de Longa Noite de Pedra, na histórica colección Salnés, o salto a Caracas, e os conflitos coa Hermandad Gallega, completan un percorrido no que teñen singular peso as relacións epistolares coa intelectualidade galega do tempo “Xosé Mª Álvarez Blázquez foi o seu confidente e grande amigo”- e no que se bota luz sobre episodios descoñecidos e inéditos da vida do poeta.

 

 

Auga Editora acaba de editar unha nova versión de Longa noite de pedra en edición bilíngue con ilustracións de María Lires. Tradución de Ramón Nicolás.

Agua Editora edición CÉLEBRES.

O programa Eirado, da Tvg2, emitiu o pasado sábado día 14 de xaneiro un programa especial dedicado a Celso Emilio Ferreiro, que incluíu a primeira parte dun documental preparado por Luís Menéndez. Ademais, Pemón Bouzas entrevistou a diversas persoas, entre elas a Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, a Mónica Góñez, profesora e especialista na narrativa ferreiriana a Ramón Nicolás. Pódese consultar premendo aquí.

Asociación Fuco Buxán. A entidade ten previsto organizar, na segunda metade do ano, exposicións, charlas e recitais que lembren a figura do celanovés. Non será a primeira vez que o fagan, xa que en Novembro de 2004, coincidindo co seu 25 cabodano, o campus universitario de Esteiro acolleu exposicións bibliográficas, mesas redondas, artigos na revista propia, “Razón socialista”, e a participación de coñecedores da obra
do escritor como o desaparecido poeta Ramiro Fonte, o profesor Henrique Rabuñal, o crítico Ramón Nicolás ou o seu propio fillo Luis Ferreiro.

Comeza o Ano Celso Emilio Ferreiro!! O 4 de xaneiro de 2012 cumpríronse cen anos do nacemento do grande poeta celanovés.

A primeira iniciativa deste ano centenario é “Cen poemas en Celanova”, unha interesante proposta deseñada por Ouvirmos para o Concello de Celanova, e a Xunta de Galicia. Tomando como base a poesía de Celso Emilio, quere reforzar o vínculo entre o escritor e os habitantes da súa vila natal. Levouse a voz de Celso Emilio á rúa coa selección de cen estrofas de cen dos seus poemas que se exhibirán nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova durante todo o ano 2012.

Deste xeito, calquera persoa, incluso aquelas que non acuden normalmente aos circuitos culturais convencionais, poderán ler a poesía de Celso Emilio.
Os cen poemas son tamén a base dun xogo literario dirixido aos escolares que visitan a Casa dos Poetas de Celanova. O reto que se lles propón é a localización nos escaparates da vila do coñecido poema “Longa noite de Pedra”.

As estrofas deste poema son parte das cen estrofas seleccionadas que estarán nos establecementos de Celanova, e os participantes do xogo terán que atopalas. Contarán cun mapa, a modo de mapa de metro, para guiar o seu percorrido por Celanova, e cando localicen unha das estrofas de “Longa noite de pedra” terán que pedir ao establecemento correspondente que lles sele o mapa, até completar as cinco estrofas do poema.
A proposta “Cen poemas en Celanova” complétase coa edición especial de douscentos libros cun breve resumo da biografía do poeta, fotografías, palabras de Celso Emilio sobre Celanova, os cen poemas seleccionados, a metodoloxía do xogo literario e o plano de situación co nome comercial dos establecementos participantes no proxecto.

O xornal La Voz de Galicia publicou o pasado 30 de decembro dous poemas inéditos de Celso Emilio Ferreiro: “O mozo” e “O atraco”. Os dous datan de finais dos anos sesenta e principios dos setenta, máis a súa mensaxe segue vixente e moi relacionada con feitos actuais.

DESCARGAR O PDF DA NOTICIA
Poemas Ineditos-La voz de Galicia 30-12-2011