Presentación do concerto homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en Vigo

Jun 8, 2012 editor de CEF novas

Músicos e escritores lembrarán a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prepara un concerto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que terá lugar o próximo 14 de xuño en Vigo e que forma parte do programa de actividades que a Xunta de Galicia está a promover en 2012 para celebrar o centenario do nacemento do escritor. Así o anunciou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para presentar o cartel desta iniciativa musical e poética no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, onde se celebrará o concerto.

O Secretario Xeral estivo acompañado polo director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, así como tamén polos artistas Frans Banfield, e dous dos integrantes do grupo Ataque Escampe, Roi Vidal e Miguel Mosqueira, que actuarán o próximo xoves no concerto; así como integrantes da Coral de Beade. A vertente musical do concerto, que conta coa produción artística de Articket, congregará a Coke Céspedes, a Davide e á Coral de Beade.
Novas voces da literatura galega
Ademais, o concerto, que será presentado pola escritora Yolanda Castaño, contará cos recitados de novas voces da literatura, como son Iolanda Zúñiga, Rexina Vega e Inma López Silva. Estarán tamén o xornalista Fernando Franco, o catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero, alumnas da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e mais estudantes de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro. “En definitiva –dixo Anxo Lorenzo–, presentamos un cartel amplo e diverso para esta homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, un poeta que, aínda que nacido en Celanova, desenvolveu en Vigo boa parte do seu ciclo creativo”.
Ano Celso Emilio Ferreiro
Anxo Lorenzo recordou na presentación que o Parlamento de Galicia acordou proclamar 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro, ao se cumpriren os cen anos do nacemento do escritor e, ao mesmo tempo, os cincuenta anos do seu poemario máis coñecido, Longa noite de pedra. Con esta motivación, a Xunta de Galicia deseñou un amplo programa de actividades e proxectos, que inclúen desde concertos, ata edicións conmemorativas que poñen a obra do autor en diálogo con outras linguas; xornadas para afondar na investigación e na difusión pública da súa vida e da súa obra etc.
“Polo tanto, imos ter ao longo deste ano numerosas oportunidades para coñecer un pouco máis a obra deste autor senlleiro das nosas letras”, declarou.
Mostra interactiva na biblioteca nodal de Vigo
O secretario xeral tamén avanzou que Vigo será a próxima parada dunha pequena mostra interactiva, moi interesante para o público xeral, coa que a consellería está a difundir a vida e a obra do poeta por diversos concellos de todas Galicia. Esta exposición, que actualmente se encontra na Casa da Xuventude de Ourense, poderá visitarse desde o 11 ata o 28 de xuño na biblioteca nodal da cidade da oliveira.

Artigos relacionados


Celso Emilio no Ateneo de Madrid
María Soliña, poema de Celso Emilio interpretado por Amancio Prada
“NON”, poema de Celso Emilio interpretado por Javier Prado