Redondela: proxección de 100% CEF e coloquio co seu director, Aser Álvarez
24-04-2013, Concello de Redondela
A Casa da Cultura de Redondela acollerá hoxe mércores, 24 de abril, ás 20.30 horas, a proxección do documental 100% CEF e o posterior coloquio co seu director, Aser Álvarez. 100% CEF foi realizado en 2012, xustamente no centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o autor celanovés que se converteu nun dos poetas máis populares e musicados de Galicia e España. O documental gravado en Celanova, Acevedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense, está baseado en máis de 50 entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e versións musicais que axudan a construír un retrato contemporáneo do escritor. A complexa e ampla figura de Celso Emilio e a importancia da súa obra reconstrúense a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos e amigos, da participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean ou cantan os seus poemas, e conta, ademais, coa interpretación de Luís Tosar no papel do propio Celso Emilio. Para fiar toda esta información sérvese da frase feita “facer un pandeiro de Celso Emilio Ferreiro”, que se converte en fío condutor no documental, onde se usa o propio instrumento de percusión do poeta para recuperar o carácter máis rítmico, auténtico, musical e popular do seu discurso poético. A traxectoria vital do autor, as súas circunstancias e a evolución da súa propia obra van aparecendo ordenadas cronoloxicamente, adobiadas cun contido emocional onde a súa poesía nos chega dende diferentes achegas e interpretacións. Leva participado en varios festivais nacionais e internacionais de documental, e obtivo o premio ao mellor documental nos Premios Mestre Mateo 2013 da Academia Galega do Audiovisual, e tamén o premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense
. A entrada é libre.