100% CEF, Documental de Aser Álvarez coa intervención de Luis Tosar

Dec 10, 2012 editor de CEF novas

10-12-2012

Tráiler do Documental 100% CEF.
O documental estrease o 12 de Decembro na TVG as 23:30 horas.

PREMER/PULSAR

 

Mañá, mércores, 12/12/12 ás 23.30 a TVG estrea o documental “100% CEF”  Esta longametraxe documental é o froito da edición e a montaxe de case cen horas de gravación con entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas
de poemas e musicacións que axudan a debuxar un retrato contemporáneo e pouco académico de Celso Emilio Ferreiro, cen anos despois do seu nacemento.

Este traballo audiovisual, escrito e dirixido polo celanovés Aser Álvarez e con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, foi gravado en Celanova, Acebedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense e vaise estrear o 12/12/12 na TVG, coincidindo cunha acción denominada #recitandocelsoemilio e que consiste na lectura simultánea do poema “Deitado frente ao mar”, en máis de 200 centros de ensino de Galicia.

A TVG, Xunta e os concellos de Pontevedra, Vigo e Celanova, ademais de ducias de empresas e particulares colaboran neste traballo, promovido por Arraianos e coproducido con Asombra.
“Celso Emilio non cabe en ningún documental”, sentencia o poeta venezolano Joaquín Marta Sosa no arranque deste traballo audiovisual, “unha aproximación contemporánea, non académica, viva e coido que sorprendente á polémica figura do poeta celanovés”, a través de testemuñas, intervencións artísticas, apropiacións musicais dos seus poemas e lecturas dos seus textos. “A idea fundamental era facer un documental contemporáneo que fose moi dinámica, moi coidada e agradable de ver mesmo para quen non saiba nada de Celso Emilio Ferreiro e para os que pensan que este tipo de traballos adoitan ser infumables mesmos para os eruditos”, asegura Aser Álvarez, quen se estrea tralas cámaras con este traballo que tamén guioniza. 

Ao longo dunha hora de duración, Celso Emilio Fereiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) é (re) construído a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos, amigos e grazas á participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean e cantan os seus poemas, demostrando que CEF é un dos poetas máis populares de Galicia. “É un documental biográfico pero que non aspira a abarcar toda a súa vida e obra, senón que se trata dun exercicio interpretativo onde lle damos voz a xente moi diversa e heteroxénea”,asegura o director, guionista e produtor executivo, Aser Álvarez. Este traballo audiovisual, que conta con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, vai pechar os actos do Centenario de CEF, coa súa emisión na TVG o 2/12/12,coincidindo cunha acción simultánea de lectura de poemas nos centros de ensino de Galicia.
Esta montaxe é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta de Celanova, que levou ao equipo dirixido por Álvarez a pescudar en arquivos de Asturias, Celanova, Madrid, Vigo,Pontevedra e Venezuela. Este “retrato poliédrico e moi ferreiriano” de CEF faise a través da conversa cos seus fillos, Isabel e Luís, os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, o seu amigo e paisano, o actual presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín;Xosé Neira Vilas, Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira e Daniel Salgado, entre outros. Os poemas chegan pola voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana e Xosé Lastra, Mini e Mero,pero sobre todo co punk dos Labregos do Tempo dos Sputniks, e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred.
O documental tamén conta coas colaboracións de artistas como Baldo Ramos, que elabora un libro de artista que funciona como fío condutor do documental, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras, “que tamén nos axudan, dende diferentes disciplinas artísticas, a facer un pandeiro de Celso Emilio Ferreiro, cen anos despois do seu nacemento,convencidos de que o seu lume e o das súas ideas segue a alampear”, lembra o director, “porque ese lume que alampea é precisamente a radical vixencia e contemporaneidade da súa poesía e do seu discurso”.

 

 

Artigos relacionados


Inauguración da cuarta tempada de “Poesía de OídAs” – Sesión de diciembre: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario
“O Meu primeiro Celso Emilio” en Concerto
Homenaxe en Ferrol a Celso Emilio Ferreiro