A Consellería de Cultura e Educación apoia a proxección do documental 100% Celso Emilio Ferreiro

Dec 30, 2012 editor de CEF novas

30-12-2012,Conselleria de Cultura

A Secretaria Xeral de Cultura colaborou na realización da longametraxe, a cuxa emisión en Celanova asistiu este serán o secretario xeral de Política Lingüística
Baixo a dirección dee Aser Álvarez o actor Luis Tosar interpreta ao poeta galego nun percorrido pola súa vida.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mostrou o seu apoio e respaldo á longametraxe documental 100% Celso Emilio Ferreiro. A proxección, que tivo lugar hoxe no Auditorio de Celanova, contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

En relación ao documental, co que colaborou a Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad por medio da Secretaría Xeral de Cultura, o titular de Política Lingüística sinalou que “Non existe outro espazo máis acaído para dar a coñecer esta nova posta en valor dunha das figuras senlleiras da literatura galega de todos os tempos ca este, aquí, onde o mundo se chama Celanova. Un lugar desde o que a nosa lingua rexurdiu e se deu a coñecer fóra das nosas fronteiras, da man de autores tan prolíficos nas nosas letras coma Curros Enríquez, o propio Celso Emilio ou Méndez Ferrín”.

O documental

100% CEF dirixido por Aser Álvarez, e interpretado por Luis Tosar, repasa a vida do autor. Así durante unha hora realiza un percorrido por Asturias, Celanova, Madrid, Vigo Pontevedra e Venezuela, onde se gravaron entrevistas cos fillos do autor, cos seus biógrafos, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou Suso de Toro, entre outros. Ademais ao poemas de Celso Emilio aparecen interpretados por artistas como Luis Emilio Batallán ou Xiana e Xosé Lastra100% CEF pódese ver na sección de Televisión á carta do web da Compañía Radio-Televisión de Galicia: www.crtvg.es/tvg/programas/100-cef-celso-emilio-ferreiro.

A través desta gravación, dunha hora de duración trátase de ofrecer outra visión do autor nado en Celanova en 1912 e ao que durante este ano se homenaxeou, logo do acordo unánime do Parlamento galego de declarar 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do nacemento do escritor e o 50º aniversario da publicación do seu poemario Longa noite de pedra.

A Consellería de Cultura e Educación sumouse á celebración da efeméride coa posta en marcha dun amplo programa de actividades en concellos de toda a comunidade. “Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro” ou a mostra interactiva sobre o autor que percorreu numerosos centros educativos galegos foron algunhas delas. O obxectivo foi poñer en valor a importante actividade literaria e política, de compromiso con Galicia e de defensa das liberdades democráticas e difundir entre a cidadanía o legado de quen foi un principais autores da literatura galega do século XX.

 

Artigos relacionados


O Carro- Son un pasmón
100% CEF, Documental de Aser Álvarez coa intervención de Luis Tosar
Celso Emilio na Universidade “La Sapienza” de Roma